Search
Close this search box.

Preto de 20.000 datos para trazar unha radiografía económica e social de Pontevedra

  • Concellería de Promoción Económica e Universidade promoven o quinto informe do Observatorio Urbano
  • O traballo foi desenvolvido polo grupo de investigación G4+

Un total de 19.674 datos, repartidos en dous bloques estruturais, 20 ámbitos e 205 indicadores estatísticos reúnense no quinto informe do Observatorio Urbano de Pontevedra, un documento resultado da colaboración entre a Concellería de Promoción Económica e a Universidade de Vigo, no marco do Campus Crea. Como unha “ferramenta eficiente para a toma de decisións dos diferentes axentes sociais implicados no desenvolvemento da cidade” presentan os seus responsables a edición correspondente a 2019 deste documento elaborado polo grupo de investigación G4+ (Desenvolvemento estratéxico: organizacións e territorios), da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. 

O responsable deste grupo, membro da agrupación estratéxica Ecobas (Economics and Business Administration for Society), Pedro Figueroa, e o investigador Daniel Gallego son os responsables deste informe, que veñen de entregar á concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, e que estará á disposición da cidadanía na web do Concello. O documento reúne información sobre poboación, benestar e saúde, educación, cultura, deporte, participación cidadá, actividade xudicial, mercado laboral, estrutura empresarial, fogares ou impostos, permitindo tanto coñecer a evolución dos diferentes indicadores como a posición do municipio respecto ás sete grandes cidades galegas. “Pontevedra conta así un informe único de información socioeconómica, que constitúe un diferencial e unha oportunidade para o desenvolvemento local”, salientan os autores do documento, que incorpora como novidades un apartado dedicado a centros de investigación e un “atlas estatístico que dá comezo a unha serie de información xeorreferenciada”. Así mesmo, nesta edición buscouse tamén “afondar, sempre que a fonte o permita”, na presentación de información disgregada por sexos. 

Fenda salarial do 14%

Para a concelleira socialista Yoya Blanco, “o inxente traballo de compilación estatística supón unha ferramenta de valor incalculable para que unha administración como o Concello de Pontevedra poida deseñar as súas estratexias nos máis diversos eidos da política municipal”. Como máxima responsable das áreas de Promoción Económica, Turismo, Igualdade e Universidade, Blanco asegura que “este rigoroso labor de recollida, cribado e ordenación de datos que só alguén como Pedro Figueroa podería facer posible, permite obter unha fotografía da realidade de Pontevedra e planificar así as accións das diferentes concellerías cara aquelas cuestións que máis o requiren”. O vicerreitor do campus, Jorge Soto, puxo o acento pola súa banda na importancia desta liña de colaboración co Concello, “que desexamos que aumente no tempo, porque non se pode entender Pontevedra sen o campus e o campus sen Pontevedra”, do mesmo xeito que incidiu tamén en como esta colaboración “reforza unha vez máis o traballo de investigación e transferencia entre estas dúas institucións”.

No referido ao informe, a concelleira de Igualdade subliñou “os máis que reveladores indicadores que o Observatorio Urbano ofrece en materia de muller”, poñendo de manifesto datos como que “das e dos 673 egresadas e egresados do campus de Pontevedra, o 59% son mulleres; que das 346 matrículas en programas de mestrado, o 65% son mulleres, ou que das 44 teses lidas en 2019,o 70% corresponden a mulleres”. “Atopamos tamén que se a esperanza de vida de Pontevedra é de 84,08 anos (2018), no caso dos homes é de 81,70 anos e do das mulleres, 86,09 anos. No caso dos homes houbo un incremento do 2,13% (era de 80 anos no 2017), pero no das mulleres produciuse un decrecemento do 1,41% (87,32 anos en 2017). Por outra banda, a fenda salarial en Pontevedra é do 14,22% (dato de 2018), cun descenso do 20,55% dende 2015. Somos aínda a terceira cidade, despois de Lugo e Ourense, con menor fenda salarial, polo que queda moito traballo por facer”, subliñou Yoya Blanco.

Poboación e saúde 

Nun primeiro bloque, baixo o epígrafe de Cohesión social, o informe presenta unha serie de datos sobre poboación que sitúan a Pontevedra como “a terceira cidade con maior crecemento de poboación nos últimos cinco anos” e como a urbe cunha idade media máis baixa da súa poboación, 44,1 anos. Trátase así mesmo da cidade galega cunha maior porcentaxe de persoas menores de 21 anos, un 18,8%, e cunha menor porcentaxe de maiores de 64, un 20%. 

No referido a saúde, Pontevedra ocupa o penúltimo lugar entre as sete cidades galegas na porcentaxe de recursos humanos en atención primaria por cada mil habitantes (2,3), segundo recolle o documento, que amosa tamén como o número de camas “reduciuse nun 7,8% nos últimos dez anos”, aínda que, como explican Figueroa e Gallego, trátase do segundo descenso menos pronunciado do que se viviu en todas as cidades agás Lugo. Por outra banda, o municipio ocupa a peor posición na porcentaxe de prazas en centros de servizos sociais por cada mil habitantes, 26,8. 

O Observatorio Urbano amosa tamén que Pontevedra ten o menor incremento de infraccións penais entre os anos 2016 e 2019, un 7,35%, pese a que no 2019 foi a cuarta cidade con maior índice deste tipo de infraccións, un 39%. No referido ás taxas de actividade dos órganos xudiciais, ocupa a segunda posición, “polo que se sitúan nun nivel alto de eficacia e eficiencia”, destacan os responsables do informe. Así mesmo, este primeiro bloque sitúa a Pontevedra como a segunda cidade de Galicia con maior número de instalacións deportivas por cada mil habitantes e como a urbe con maior porcentaxe da poboación inscrita na biblioteca pública, un 43,72%.

Economía e empresa

O segundo bloque do informe detense na actividade económica e empresarial, o que permite observar que Pontevedra foi o pasado ano a cidade con menor porcentaxe de baixas empresariais, mais tamén a que presentou un menor número de altas. “Parece que se crean menos empresas, pero as que se crean son proxectos máis sólidos”, salientan Figueroa e Galelgo.

No referido ao emprego, situouse en terceiro lugar dentro das sete cidades na porcentaxe de paro respecto da “poboación potencialmente activa”, un 10,1%, un indicador que, engaden, presenta “unha evolución positiva pero con sinais de ralentización comparativa coas outras cidades galegas, como pode observarse na evolución da contratación no último ano, no que ocupa a sexta posición”. Segundo recolle o documento, o “salario bruto anual promedio” na cidade é de 18.553 euros, o cuarto máis elevado, mentres que os ingresos medios por fogar, 2.468 euros, son os máis altos das sete cidades. Pola contra, é a terceira urbe, por detrás da Coruña e Vigo, na que o gasto medio por fogar en hipotecas e alugueres é máis alto. Trátase así mesmo a segunda cidade onde é menor a porcentaxe de fogares (34%) na que as prestacións supoñen máis do 50% dos ingresos, aínda que no 26% dos casos representan o 100% dos ingresos. 

O ano previo a covid-19

A información reunida neste informe servirá como marco comparativo para analizar os efectos provocados pola covid-19 en diferentes eidos neste 2020. “Saberemos de onde partíamos e os axentes sociais poderán ver onde se produciron as maiores repercusións e orientar as súas accións”, salientan os investigadores, que inciden en que, a pesares da pandemia, as diferentes fontes das que se nutre este documento continuaron proporcionando ou publicando os seus datos de forma periódica neste 2020.

Compartir publicación: