Search
Close this search box.

Yoya Blanco: “Non imos gardar máis minutos de silencio, nin por culpa dos maltratadores nin por eles. Paula Dapena debe ser un referente”

  • A concelleira de Igualdade e o tenente de alcalde, Tino Fernández, recibiron á futbolista para amosarlle a “sororidade” e respaldo do Concello co seu “xesto de darlle as costas ao machismo”
  • Dapena, que estivo acompañada pola súa irmá Almudena, asegura que, pese ás ameazas de morte recibidas, “volvería facer” o seu xesto de denuncia contra o minuto de silencio a Maradona

“Xa o advertimos este 25N: non nos van calar e non estamos dispostas a gardar máis minutos de silencio, nin por culpa dos maltratadores nin por eles. Non imos aceptar ningún ‘status quo’ imposto polo patriarcado. Mozas como Paula Dapena deben converterse nun referente para tod@s”. Así de tallante se amosou esta mañá a concelleira de Igualdade, Yoya Blanco, coa decisión da futbolista Paula Dapena de non gardar un minuto de silencio por Diego Armando Maradona ao inicio dun partido de fútbol e de sentarse no chan de costas, un xesto do que se fixo eco a prensa internacional e que derivou mesmo en ameazas de morte contra a valente rapaza.

Blanco participou xunto co tenente de alcalde e concelleiro de Educación e Deportes, Tino Fernández, nunha recepción oficial que tivo lugar na sede do Concello, que serviu para amosarlle á xogadora o absoluto respaldo do Goberno Local e na que Dapena estivo acompañada pola súa irmá Almudena, tamén deportista. A concelleira de Igualdade agradeceulle a Paula Dapena “ese xesto viral de darlle as costas ao machismo”, xa que “precisamos mozas que digan ‘non ao machismo’ dun xeito claro e que servan de referente para o resto da xuventude”. 

“Quero practicar con Paula isto que levo aquí na máscara (do 25N), que se chama sororidade, ante esas brutais ameazas de morte que está a sofrer nas redes sociais e que me acaba ensinar. Imos ser tan contundentes como ela dándolle as costas ao machismo: os maltratadores, os machistas e os violentos non teñen cabida nin na nosa sociedade nin en redes sociais. Conta co meu apoio e co do Concello de Pontevedra. Ánimo e forza… E grazas!”, asegurou Yoya Blanco.

Dapena admitiu sentirse un tanto abrumada ante a repercusión do seu xesto, que pretendía “que quedara entre os seus seguidores de Twitter e Instagram”, pero que “dende o momento en que saíu publicada nos medios locais” se traduciu “na chegada de mensaxes de apoio de todo o mundo, chamadas para entrevistas…”. “A verdade é que, de todo isto, co que me quedo é coas mensaxes de apoio, de ánimo e de cariño da xente. Quero darlles as grazas. É algo que volvería facer. No momento en que non se fai un minuto de silencio polas vítimas de violencia machista, iso xa me parece mal, pero aínda enriba facelo por unha persoa que fixo as cousas que fixo, que son coñecidas porque hai fotos e vídeos, pois paréceme aínda moito peor. Esas cousas témolas que denunciar, aínda que sexa sentándonos no chan e dando as costas”, aseverou.

A futbolista afirma contar co apoio das súas compañeiras e do seu club (o Viajes Interrías) e considera que o seu xesto “non lle faltou ao respecto a ninguén, xa que podía ter feito moitas outras cousas para cortar ese minuto de silencio e non permitir que as que querían facelo o fixesen”. Non obstante, segundo explicou, entre as ‘lindeces’ que algúns violentos lle dedicaron atópanse unha morea de insultos e frases de tan pouca talla ética como ‘Vou ir á túa casa a partirte as pernas’ ou ‘Se vivises en Arxentina xa estarías morta’. “Eu realmente estou pasando un pouco das mensaxes negativas -sinalou- e quédome coas de apoio e cariño”.

Compartir publicación: