Search
Close this search box.

Pontevedra estrea un mural dedicado ao mestre e escritor Xerardo Álvarez Limeses coincindo coa conmemoración do Día das Cidades Educadoras

  • O concelleiro de Educación, Tino Fernández, e o equipo creativo de Polo Correo do Vento participan na estrea da intervención artística, realizada no marco do proxecto ‘O teu cole na historia’
  • O Concello súmase á campaña ‘30 anos, 30 legados’, organizada a través das redes sociais con motivo do trixésimo aniversario da proclamación da Carta das Cidades Educadoras

Coincidindo coa conmemoración do 30 de novembro, Día Internacional das Cidades Educadoras, o tenente de alcalde e concelleiro de Educación, Tino Fernández, desprazouse esta mañá ata o CEIP Álvarez Limeses para asistir á estrea do novo mural que o equipo de Polo Correo do Vento vén de rematar neste colexio no marco do proxecto ‘O teu cole na historia, coñecendo a nosa contorna’. A intervención artística, a terceira efectuada dentro do programa municipal despois das xa inauguradas nos CEIP A Xunqueira I e A Xunqueira II, supón unha homenaxe ao mestre e escritor que lle dá nome ao centro educativo, Xerardo Álvarez Limeses (que aparece na parte central), e nel tamén aparecen representados os deportistas co Campo do Progreso, a zona deportiva que antigamente estaba ubicada nas inmediacións da escola e na que se xogaba ao fútbol e ao hockey nos anos 30.

Tino Fernández, que estivo acompañado pola xefa de estudos do Álvarez Limeses, Berta Rubiano, e polo creativo Carlos Taboada, así como por técnicos do Servizo de Educación, amosouse “encantado co resultado deste mural, que se estrea nunha data tan simbólica como esta e que salienta a historia e singularidades deste colexio, permitindo que as súas alumnas e alumnos as coñezan e se identifiquen co seu centro”. Tal e como lembrou o edil socialista, o proxecto impulsado polo seu departamento en colaboración con Quique Mauricio e Carlos Taboada conta coa participación de 15 colexios de Infantil e Primaria: ademais de A Xunqueira I, A Xunqueira II e o Álvarez Limeses, os CEIP San Benito de Lérez, San Martiño, Cabanas, Santo André de Xeve, Parada-Campañó, Manuel Vidal Portela, Froebel e Ponte Sampaio; os CEP Marcos da Portela e Campolongo, e as EEI Verducido e Fina Casalderrey.

Carlos Taboada explicou que para a confección deste mural “empregouse unha cor sepia para darlle unha estética antiga, que nos leva a eses anos 30 da República do Campo do Progreso, nos que se xogaba hockey masculino e feminino e tamén fútbol, cos equipos que deron lugar ao nacemento do Pontevedra CF (o Eiriña e o Alfonso XIII)”. A pintura representa ademais a fauna e flora urbana do colexio, coas lavandeiras brancas que pasan moito por esta zona e as acacias de Constantinopla que adobían a rúa Joaquín Costa, e algúns edificios do seu contorno, como o Hospital Provincial e a Comisaría de Policía.

Un vídeo ilustrativo do traballo das Cidades Educadoras

Segundo subliñou Fernández, “precisamente neste 2020 tan insólito, no que as celebracións presenciais están restrinxidas, conmemórase o trixésimo aniversario da proclamación en 1990 da Carta das Cidades Educadoras durante o primeiro Congreso Internacional celebrado en Barcelona e o Concello de Pontevedra sumouse á campaña ‘30 anos, 30 legados’, promovida a través das redes sociais”. Dita iniciativa inclúe a difusión dun vídeo ilustrativo do traballo das Cidades Educadoras para un mundo mellor, que pode descargarse a través do seguinte enlace: https://www.edcities.org/dia-internacional-2020/imagen-grafica/

“O Día Internacional das Cidades Educadoras celébrase a escala mundial, baixo o impulso da Asociación Internacional de Cidades Educadoras (AICE), co obxectivo de que tomemos conciencia da importancia da educación como motor de cambio. Na súa conmemoración teñen participado 279 cidades de 20 países, en 5 continentes. A educación é sen dúbida unha das principais marcas de identidade do modelo de Pontevedra e así o queremos poñer en valor con programas como ‘O teu cole na historia’”, asegurou Tino Fernández.  

Compartir publicación: