- O Goberno municipal traballa xa nas bases dunha nova convocatoria, coa mesma filosofía de que sexan axudas finalistas e teñan efecto multiplicador directo sobre a economía local
- A hostalería é o sector con máis solicitudes aprobadas, que ascenden en total a 171.000 euros
A concelleira de Réxime Interior, Anabel Gulías, informou esta mañá sobre a avaliación provisional de axudas concedidas ao abeiro da convocatoria Supera20, adiantando que o total de solicitudes aprobadas é de 160, que en conxunto suman un importe que ascende a 481.919,28 euros.
A concelleira quixo destacar que “se atendeu a un amplísimo abano de solicitantes” no referido aos sectores dos que procedían as solicitudes, salientando como o sector máis destacado o da hostalería, onde se inclúen os locais de lecer nocturno. Así, na hostalería o importe total das axudas concedidas ascende a 171.000 euros, supoñendo aproximadamente o 30% do total, seguido do comercio minorista e de sectores moi diversos que abranguen desde centros de acupuntura, salóns de beleza, zapateiros ou academias.
Anabel Gulías indicou que a liña Supera20 “ten unha vantaxe clara e diferenciada para superar este 2020 baseada en dúas premisas básicas, a de xerar un efecto multiplicador inmediato na economía local e que as axudas vaian a todos os sectores posibles”. Tamén salientou que se deseñaron para “que fosen axudas equitativas que non dependesen da especificidade de ningún sector”.
Explicou que foron recibidas un total de 222 solicitudes, das cales 10 foron presentadas fóra de prazo. Dos 212 expedientes válidos, foron aprobados 160, mentres que 43 foron desestimados por non cumprir os requisitos e 9 foron desestimados por non contestar aos requirimentos que se lles solicitaron.
Os 160 expedientes aprobados están neste momento en prazo de alegacións e en canto remate dito prazo e se lles comunique aos solicitantes a resolución definitiva tamén se lle comunicará a orde de pago do anticipo (o 70% da axuda concedida). O importe medio destas solicitudes sitúase en 3.000 euros.
Continuidade
Anabel Gulías tamén anunciou que a oficina de Supera20 continuará aberta “posto que desde xa empezamos a traballar en novas liñas de axudas”.
Estas novas liñas van ir encamiñadas na mesma filosofía da actual Supera20 no sentido de que serán “axudas finalistas e que teñan ese efecto multiplicador directo sobre a economía local”, aínda que a concelleira indicou que “probablemente faremos algunhas modificacións dentro das bases e non descartamos que cubran outro tipo de sectores máis xeralistas”.
Sobre a partida destinada a esta nova liña avanzou que se disporá dos 750.000 euros que non se gastaron na primeira convocatoria (hai que lembrar que Supera20 estaba dotada inicialmente con 1.250.000 euros), ao que engadiu que o Goberno municipal está “disposto a poñer enriba da mesa os recursos que sexan necesarios”. Por úlitmo, tamén asegurou que “imos intentar acelerar todos os prazos para sacalas canto antes”.