- Os investimentos da concellaría do Ciclo da Auga que xestiona Raimundo González, reservan 1,6 millóns para este proxecto que se puxo en marcha esta semana no lugar da Devesa.
- O custe por vivenda está estimando en 30.000 euros ao incluír as canalizacións, o bombeo da Devesa e a reposición de máis dun quilómetro da rede de pluviais.
O custe por vivenda está estimando en 30.000 euros ao incluír as canalizacións, o bombeo da Devesa e a reposición de máis dun quilómetro da rede de pluviais.
A Concellaría do Ciclo da Auga, que xestiona Raimundo González, iniciou esta semana o proxecto de instalación do novo saneamento da parroquia de Alba. As obras, que realiza a empresa Oresa, comezaron polo lugar da Devesa cun orzamento de 1.651.849,63 euros e dará servizo a 83 vivendas.
No proxecto está previsto, ademais da instalación das novas redes de sumidoiros, a creación dun bombeo colectivo no lugar da Devesa e a reposición de máis dun quilómetro da rede de pluviais existente.
Aínda que este proxecto dará servizo aos lugares de Touceda, Pontecabras, O Bispo e A Devesa na parroquia de Alba, tamén servirá para conectar o lugar da Cendona na parroquia de Lérez; e de Vigario na parroquia de Cerponzóns. O custe por vivenda está estimado en 30.000 euros.
A parroquia de Alba é unha das parroquias do norte de Pontevedra que ten máis completa a rede de sumidoiros, realizada nos últimos anos con fondos propios do Concello. Quedaría, polo tanto, por executar este investimento de 1,6 millóns de euros para completar a totalidade da parroquia.
O Concello de Pontevedra ten proxectado canalizar as augas fecais de todo o territorio municipal cun investimento de 25.619.876,80 euros, que forman parte das melloras ofertadas pola empresa Viaqua, adxudicataria do contrato da auga, para completar e mellorar o abastecemento e saneamento do concello. Esas melloras ascenden a máis de 58 millóns de euros.