Search
Close this search box.

Benestar Social e Afundación proporcionarán menús a 120 menores en situación vulnerable a través do proxecto solidario Cubertos de Nadal

  • A Concellería que dirixe Marcos Rey e a Obra Social de Abanca pechan un novo acordo de colaboración que dará continuidade ao Programa de Intervención Social da entidade na nosa cidade
  • A iniciativa materializarase na entrega gratuíta de kits de Nadal e de menús que permitirán atender as necesidades de alimentación d@s nen@s que máis o precisan durante o período de festas

Trala frutífera colaboración que fixo posible proporcionar de xeito gratuíto ata 170 menús escolares diarios a nen@s de Pontevedra este pasado verán, un novo acordo de colaboración entre a Concellería de Benestar Social e Afundación permitirá cubrir durante as festas as necesidades de alimentación de 120 menores en situación de vulnerabilidade social e/ou risco de pobreza a través do proxecto solidario Cubertos de Nadal. O convenio de cooperación daralle así continuidade ao Programa de Intervención Social posto en marcha nas sete grandes cidades galegas pola Obra Social de Abanca, beneficiando aos nen@s do noso concello (moitos deles bolseiros de comedor escolar) coa entrega de kits de Nadal e de menús infantís ás súas familias.

Segundo avanzou o concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey, “a súa distribución levarase a cabo entre os días 22 de decembro e 4 de xaneiro no Café Moderno Afundación, organizándose en dúas quendas de 60 beneficiarios, se ben, tal e como se fixo no verán, se algunha familia non se pode achegar, levaríaselles a casa a través de Protección Civil”. O novo convenio de colaboración entre o Concello e a entidade privada seguirá os termos do anterior, asinado para dar resposta á realidade derivada da crise da Covid-19 e ao agravamento das situacións de vulnerabilidade e risco de pobreza, particularmente das familias con menores ao seu cargo.

Deste xeito, a Concellería de Benestar Social encargarase de facilitarlle a Afundación a información sobre o número de menús axeitados para fornecer aos menores beneficiarios, así como de colaborar no correcto desenvolvemento e execución do programa, en particular coa/s empresa/s contratadas pola entidade. Asignarase un número personalizado a cada familia, de xeito que o Concello unicamente dará a coñecer ese número á firma xestora dos menús, non transmitíndose ningún dato de carácter persoal e garantíndose o anonimato das persoas usuarias.

Afundación porá os kits e menús a disposición dos beneficiarios gratuitamente e efectuará os labores de vixilancia e control dos mesmos, garantindo a aplicación da normativa sanitaria vixente.

Marcos Rey amósase “moi satisfeito de que a colaboración coa Obra Social de Abanca se poida prorrogar nunhas datas tan sensibles, facendo que os rapaces máis vulnerables de Pontevedra e as súas familias reciban o mellor dos regalos de Nadal: que non lles falte un prato de comida”.

Compartir publicación: