- Está colocado na avenida que leva o seu nome e inclúe fotografías familiares e recolle os principais fitos da súa vida
- A iniciativa forma parte do programa A memoria das mulleres e trata de visibilizar a importancia que as mulleres tiveron na historia da cidade
Desde o seu nacemento, o 28 de abril de 1906, ata a súa morte 97 anos despois, o 24 de outubro de 2003, un panel colocado na avenida Josefina Arruti recolle os principais fitos da vida da propia Josefina, como referencia de resistencia e fortaleza ante a represión franquista. O panel foi descuberto esta mañá polo alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e o concelleiro de Patrimonio e Memoria Histórica, Xaquín Moreda, e coa presenza de dous dos seus fillos, María del Carmen Fernández Arruti e José Ángel Fernández Arruti, unha neta e o seu home, e un bisneto.
Precisamente o bisneto, Alberto Arruti foi o encargado de intervir no nome da familia agradecendo que “a cidade de Pontevedra lle dedique este espazo a miña bisavoa, que foi un gran exemplo de fortaleza e de capacidade para sobrepoñerse ás adversidades”. Tamén agradeceu á filla e fillo de Josefina presentes noa acto que “nos transmitiran a toda a familia a personalidade de súa nai”.
Pola súa banda, o alcalde asegurou que esta iniciativa, que forma parte do programa A memoria das mulleres, “busca facer visible a presenza e a importancia que as mulleres tiveron na historia da nosa cidade e que son exemplos que debemos coñecer”. Neste sentido, explicou que este panel permitirá difundir a vida e historia de Josefina Arruti e que “a xente que pasee por esta rúa de entrada na cidade poida coñecela un pouco máis en profundidade”. Tamén aproveitou para lembrar que desde o Concello se leva traballando 20 anos na recuperación de e visibilización de figuras fundamentais na historia de Pontevedra en relación á represión franquista e que, máis recentemente, se incorporou a visión de xénero a través de A memoria das mulleres. Lembrou que, durante este ano e ao abeiro deste programa, ademais do panel coa vida de Josefina Arruti tamén se realizou o mural da señora Lola en Pasarón e se editou a biografía de Virxinia Pereiro escrita por Montse Fajardo.
O panel, realizado en aceiro corten e colocado ao inicio da avenida Josefina Arruti facendo esquina coa rúa da Estación, inclúe unha escolma de fotografías familiares e pequenos textos que van recollendo de forma breve e concisa os principais fitos da vida da que fora a muller do alcalde republicano, Bibiano Fernández Osorio-Tafall. Por causa deste parentesco, Josefina Arruti padeceu o encarceramento e a represión franquistas en Pontevedra, quedando separada para sempre do seu home, exiliado en México, e sacando adiante tres crianzas de curta idade.