- Unha vintena de imaxes conforman esta mostra reivindicativa, que foi inaugurada esta mañá e que permanecerá instalada durante un mes en 12 establecementos comerciais da rúa da Oliva
Unha vintena de imaxes conforman a exposición fotográfica do obradoiro de autoestima e empoderamento feminino ‘Namórate de ti’, inaugurada esta mañá na rúa da Oliva pola concelleira de Igualdade e Promoción Económica, Yoya Blanco; a animadora sociocultural Tegra Gómez; a fotógrafa e creativa Patricia Maquieira; a directora do Centro de Información á Muller (CIM) de Pontevedra, Rosa Campos; a axente de Igualdade do CIM Mercedes Renda, e de Yolanda, Begoña e María del Mar, tres das sete mulleres “libres” que participaron no taller. A mostra reivindicativa, impulsada pola Concellería de Igualdade e do CIM no marco das actividades organizadas con motivo do 25N, permanecerá instalada durante un mes nos escaparates de 12 establecementos desta ‘arteria’ comercial da cidade.
Tal e como explicou a edil socialista Yoya Blanco, a exposición fotográfica de ‘Namórate de ti’ poderá desfrutarse “nesta enorme sala de mostras a pe de rúa da que puidemos dispoñer grazas á colaboración das tendas da Oliva: My Vintage Clothes, Liberatta Pontevedra Moda Casual, Óptica Martínez, Magdalena Salá, Nalatcha, Tito de la Peña, Sargadelos, Torrado, Mepiachi, Joyería Ferse, Joyería Suárez e Silueta Tallas Diferentes”. Cada unha das sete mulleres participantes no obradoiro impartido por Tegra Gómez e Patricia Maquieira achegaron a esta intervención artística tres imaxes con diferentes títulos e un texto sobre a experiencia que viviron.
Segundo precisou Patricia Maquieira, nas fotografías “podemos observar ás protagonistas en dúas das dinámicas que tiveron lugar durante a celebración dos talleres”. “A primeira, a de cubri-lo noso corpo con palabras, debuxos ou frases positivas. Nesta dinámica plantexamos a pregunta ‘Como te gustaría estar dentro de tres meses?’. Trouxemos a resposta ao presente e unhas compañeiras llas escribiron a outras no lugar do corpo no que cada unha sentía que debía ir. A posta en escena diante da cámara realizouse con música e motivando a tódalas mulleres asistentes a converterse en todas esas verbas e debuxos escritas nelas, a permitirse vivir o momento, ser libres, fluír, liberarse de cargas, desfrutar, xogar…”, subliñou Maquieira.
A conexión coa natureza foi outra das dinámicas sobre as que se traballou en ‘Namórate de ti’, o que se reflectiu na presenza de elementos naturais que acompañan ás participantes nas fotografías e cos que cada unha delas se sinte máis identificada (do mar, o xardín, a montaña…). Neste sentido, Patricia Maquieira salienta que “a natureza é un transmisor de felicidade que debemos ter sempre presente e en cada unha destas imaxes vánsenos ofrecendo precisamente momentos de felicidade, calma, seguridade, forza… Onde a natureza e estas mulleres incribles son as protagonistas”.
‘Namórate de ti’ púxose en marcha o pasado 3 de novembro, abrindo o programa de accións celebradas no contexto do Día Internacional da Violencia contra as Mulleres. Cunha duración total de 12 horas repartidas en catro sesións, nas que se combinaron os formatos presencial e online, a iniciativa dirixiuse esencialmente a mulleres desempregadas, en situación de vulnerabilidade, vítimas de violencia de xénero ou en risco de exclusión social. O seu obxectivo era que as participantes aprendesen a quererse e valorarse a si mesmas, axudándolles a reforzar a súa autoestima e autoconcepto, ao tempo que promoveu a súa unión social e cooperación grupal.
“Foi unha experiencia fermosa, sentinme libre”
O acto inaugural da exposición fotográfica, coa que se pon o colofón ao obradoiro, resultou moi emotivo para as súas protagonistas. Yolanda Pazos asegurou que ‘Namórate de ti’ foi “unha experiencia fermosa, que volvería repetir” e que lle permitiu “sentirse libre e seguir loitando”, atopándose “moi ben, súper libre e súper relaxada” á hora de facer estas fotografías tan íntimas. Para Begoña Búa, que chegou ao programa a través de Yolanda, a vivencia “resultou formidable” e a sesión fotográfica fíxoa sentirse “xenial e moi liberada, grazas a unha fotógrafa estupenda capaz de sacar de nós ata o que non temos”. “Recomendo a todo o mundo apuntarse a vivir esta experiencia. Foi marabillosa. Sentímonos libres e liberadas. Somos mulleres e temos que querernos moito. Síntome guapa”, afirmou Yolanda Pazos.
Unha visión que tamén comparte María del Mar, outra das participantes, quen describiu ‘Namórate de ti’ como “unha sensación de liberarse moito, na que puidemos rir, chorar, cantar, bailar e pasalo súper ben”.
A propia concelleira de Igualdade amosouse “moi emocionada” tras visitar a exposición e comprobar “o empoderadas e o ben que se sinten as súas protagonistas”. Yoya Blanco quedou “impresionada polas fotos e por algunhas mensaxes, como ‘Son libre’, que se poden ler escritas nos seus corpos”, e adiantou que o taller ‘Namórate de ti’ “vaise repetir o ano que vén con total seguridade”.