- Carme da Silva recrimínalle á Administración autonómica que inclúa e orzamente obras, como o colector do Gafos, que xa foron realizadas polo Concello e que están practicamente rematadas e en funcionamento
- A concelleira asegura que desde o ano 2010 a Xunta investiu cero euros no saneamento de Pontevedra fronte aos 33,6 millóns de euros que tivo que destinar o Concello
“O resumo que desgraciadamente temos que facer desde o Concello de Pontevedra é que estamos ante máis dunha década perdida para o saneamento en Pontevedra e na ría de Pontevedra” afirmou esta mañá a concelleira responsable do Ciclo da Auga, Carme da Silva tras coñecer as propostas que aparecen recollidas no documento resumo do Plan de Saneamento da Ría que a Xunta lle fixo chegar ao Concello.
Despois de analizar o documento, Da Silva asegurou que “a nosa sorpresa foi maiúscula” ao comprobar que as propostas de actuación prioritarias inclúen e orzamentan proxectos xa executados polo Concello e en funcionamento, como por exemplo o colector do río Gafos. “O Concello vaille trasladar á Xunta que o Plan que nos traen agora non se pode denominar Plan de Saneamento da Ría de Pontevedra cando non saben que hai obras que xa están executadas, e outras obras previstas non se corresponden coa realidade e non son executables porque non están baseadas en ningún cálculo real” afirmou a concelleira.
Carme da Silva explicou que o estudo realizado pola Xunta recolle que o saneamento de Pontevedra ten un sistema separativo de moi alta calidade e que funciona moi ben, unha cuestión que a concelleira lembrou que é grazas aos 33,6 millóns de euros que o Concello executou ou está executando en actuacións como o mencionado colector do Gafos, a continua renovación de servizos que se está realizando paralelamente ás actuacións de mellora urbana ou aos traballos que periodicamente se realizan con mergulladores para solucionar as filtracións de auga do mar na galería de servizos.
Ademais do colector xeral do río Gafos, o Plan de Saneamento da Xunta tamén inclúe unha serie de estruturas de regulación ao longo do río Gafos que, segundo asegurou Da Silva “agora os propios técnicos recoñecen que xa non saben se son necesarios ou non”, o arranxo do colector xeral da Xunqueira de Alba, e o arranxo do colector de Cocheras.
Sobre o colector que vai de Cocheras á EDAR de Praceres, a concelleira lembrou que o problema que existe neste punto foi provocado polas obras realizadas pola propia Xunta que colocaron unha tubaxe errada, de menor diámetro do necesario, o que fai que o bombeo sufra un estrangulamento nese punto. Carme da Silva indicou que como nos orzamentos da Xunta non aparece reflectida ningunha partida específica para o Plan de Saneamento da Ría de Pontevedra pero si unha partida de 518.000 euros para ‘Xestión de pluviais Pontevedra’, “queremos pensar que esa misteriosa partida é para resolver ese problema e que non queren recoñecer publicamente que foi provocado polas súas obras” indicou.
Unha década sen investimento autonómico
Carme da Silva fixo especial fincapé na “década perdida” no relativo a actuacións da Xunta e recriminoulle á Administración autonómica que desde o ano 2010 ata a actualidade investira “cero euros no saneamento de Pontevedra e na ría de Pontevedra”
Así, fixo un percorrido polo acontecido desde marzo do ano 2010, momento no que a Xunta adxudicara os traballos de saneamento do río dos Gafos para executar o colector. Lembrou que un ano despois desa adxudicación, e co contrato asinado coa empresa adxudicataria, a Xunta decidira anular ese contrato “e tomou a decisión política de non executar esa obra e, naquela altura, o que se nos dixo é que non era prioritaria, que o prioritario era facer o Plan de Saneamento da Ría para, en función dos resultados dese estudo tomar a decisión de si era necesario ou non” indicou Carme da Silva,
Cando no ano 2015 a Xunta resolve definitivamente o convenio co Concello de Pontevedra, é o propio Concello o que decide asumir esta actuación a través dun convenio coa Deputación, estando na actualidade practicamente rematado e co tramo executado en funcionamento. Da Silva asegurou que “naquela altura o Concello considerou que a obra do Gafos era unha obra fundamental e prioritaria porque estaba determinando o funcionamento de todo o servizo ademais de estar provocando verquidos ao río cada vez que aumentaba a chuvia”. Na actualidade tan só queda por rematar a conexión á altura da estación de autobuses (pendente de que se aprobe o modificado da estación para coñecer o punto exacto de conexión da rede exterior coa rede que pasa polo espazo da estación) e unhas melloras á altura do cruzamento da avenida de Vigo con María Victoria Moreno.