O Concello traslada ao Xulgado un verquido de aglomerado asfáltico en Marcón por delito contra o medio ambiente

A Policía Local de Pontevedra retimiu hoxe unhas dilixencias ao xulgado por un posible delito contra o medio ambiente cometido no lugar da Hermida (en dirección á Peralba), parroquia de Marcón. O informe policial recolle que se trata dun verquido dunha substancia similar ao aglomerado asfáltico.

Os veciños do lugar advertiron onte, ás 16.00 horas, da presenza deste verquido á Policía Local e ao 112, e tamén se achegaron ao lugar os bombeiros. Os axentes comprobaron que procede dunha nave na que hai unha cisterna cortada en dous, con este material. Ao tratarse dun terreo en pendente, o aglomerado asfáltico avanzou arredor de 80 metros cunha capa de espesor duns 10 centímetros, ate chegar ás fincas dos veciños.

Logo de facer distintas pesquisas, a Policía da coa persoa que cortou a cisterna recoñecendo que creía que o que había no seu interior era auga, e que a cortou co fin de poder vaciala. Asegurou que cando realizou esa acción era de noite e non puido comprobar que tipo de líquido saía.

O autor do verquido confirmoulle á Policía que se encargará da limpeza e que devolverá todo ao seu estado orixinario antes do martes. Para iso traería unha cuba e unha pala que permitirá limpar o terreo afectado de monte comunal e de fincas privadas.

Mentres, a Policía Local abriu dilixencias por un posible delito contra o medio ambiente que foi remitido ao Xulgado.

Compartir publicación: