O Concello concede licenza para a instalación dunha rede de biomasa no Campus

  • Sitúase entre as facultades de Ciencias Sociais e da Comunicación e de Ciencias de Educación e do Deporte e ten por finalidade a instalación dunha caldeira e dunha rede de canalización para fornecer   aos dous edificios

A Xunta de Goberno local vén de aprobar a concesión, á Universidade de Vigo, da licenza de obras para a instalación dunha rede de biomasa entre os dous edificios do Campus Universitario correspondentes ás facultades de Ciencias Sociais e da Comunicación e de Ciencias da Educación e do Deporte, e para a canalización en vía pública da tubaxe para o transporte da auga quente producida nas caldeiras. 

O orzamento de execución declarado ascende a 572.479,07 euros e o prazo de inicio das obras non debe superar os 6 meses desde a notificación da aprobación da licenza, mentres que o prazo de remate queda fixado en 12 meses desde a notificación.

A Universidade de Vigo presentou no Concello o proxecto denominado ‘Instalación de biomasa de 2 MW no entorno do campus da Xunqueira, Pontevedra, Universidade de Vigo’ co obxecto de solicitar a correspondente licenza de obras. O proxecto contempla a instalación, nunha nave cunha ocupación e unha superficie construída de 272 metros cadrados, dunha caldeira de biomasa e un tendido de tubaxe que comunique os edificios das dúas facultades mencionadas utilizando o trazado dos viais do Campus. 

Previamente á concesión desta licenza, os servizos técnicos municipais emitiron informe sobre a non interferencia da instalación das tubaxes noutras redes de servizos municipais. Pola súa banda, a Universidade de Vigo achegou resolución da Consellaría de Medio Ambiente da non procedencia de formulación de declaración de incidencia ambiental e a autorización da Axencia Estatal de Seguridade Aérea.

Compartir publicación: