- Miguel Anxo Fernández Lores asegurou que só con decicións políticas se pode recuperar o espazo público para as persoas e construír cidades amables nas que vivir, convivir e traballar
- O alcalde participou nun panel de debate sobre como planear un ecosistema urbano seguro para peóns, ciclistas e novas formas de micro-mobilidade
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, asegurou esta tarde no Portugal Mobi Summit que “hai que tomar decisións políticas para construír cidades que sexan espazos de convivencia, porque son as cidades nas que a xente quere vivir e traballar”. O alcalde pontevedrés participou esta tarde nun panel de debate sobre ‘Como planear un ecosistema urbano seguro para peóns, ciclistas e novas formas de micro-mobilidade’ centrando o seu relatorio na necesidade de recuperar espazo público para as persoas, con calidade urbana e con calidade de vida para a veciñanza.
A Portugal Mobi Summit que está tendo lugar no Centro Cultural de Cascais (mudou a ubicación prevista en Carcavelos por cuestións relacionadas co protocolo Covid) xira nesta edición ao redor da “Mobilidade para un mundo en mudanza”, analizando medidas e propostas de cara a acadar alternativas coas que dar solución ás necesidades que a aparición da pandemia da Covid-19 puxo de manifesto. Neste sentido, o modelo urbano de Pontevedra foi presentado como exemplo dunha experiencia práctica de mobilidade sustentable e amable.
O calmado do tráfico e a limitación da velocidade a 30 km/h en toda a cidade e a 10km/h nas zonas de convivencia foi un dos aspectos que máis interese suscitou durante a sesión. Neste sentido, Fernández Lores explicou a necesidade de estudar o funcionamento do tráfico para reducir os tráficos innecesarios e manter o tráfico necesario para o funcionamento da cidade, dando servizo a residentes e á actividade económica e comercial. Tamén fixo un somero repaso dos elementos de calmado do tráfico instalados en Pontevedra, como pasos de peóns sobreelevados e lombos, e a creación de rotondas para promover a fluidez da circulación rodada. “A idea fundamental é que os coches deben respectar o paso dos peóns nas zonas de convivencia e que a velocidade permitida no conxunto da cidade non debe crear inseguridade viaria” asegurou Fernández Lores, quen lembrou que Pontevedra leva máis dunha década sen mortes por atropello no centro urbano.
Por último, preguntado sobre como outras cidades poderían seguir o exemplo de Pontevedra, o alcalde insistiu unha vez máis en que “o que se necesita é unha planificación adecuada para as particularidades de cada cidade e tomar as decisións políticas necesarias”, e indicou que “son decisións que funcionan, que a cidadanía apoia porque a xente quere vivir, convivir e traballar en cidades agradables e atractivas e, de feito, Pontevedra está medrando en poboación nos últimos anos”.
O alcalde pontevedrés, Miguel Anxo Fernández Lores, estivo acompañado no panel de debate polo concelleiro de Mobilidade de Lisboa, Miguel Gaspar, polo profesor da Facultade de Arquitectura da Universidade de Lisboa, David Vale (que participou telematicamente), e polo xerente de desenvolvemento comercial do CEiiA, Rui Rei. O panel estivo moderado polo xornalista José Carlos Barreto.