- O novo acordo de colaboración será aprobado o martes en Xunta de Goberno Local e traducirase nunha achega anual de 15.000 euros por parte da Concellería que dirixe o socialista Marcos Rey
A crise sanitaria derivada da Covid-19 motivou un incremento no número de persoas en situación de necesidade en Pontevedra durante os últimos meses. Os Servizos Sociais Municipais cuantifican en 184 as familias que se atopan nesta situación no noso concello e que están compostas por 650 persoas, o que supón o 0,80% da poboación desta cidade. Desenvolver un plan específico de cobertura de necesidades básicas destas unidades familiares carentes de recursos económicos e dar resposta ás situacións de urxente necesidade que poidan xurdir neste contexto de pandemia entre a poboación vulnerable ou en risco de exclusión social son as principais motivacións do novo convenio que a Concellería de Benestar Social activou coa Fundación Provincial Banco de Alimentos e que se traducirá nunha achega anual de 15.000 euros por parte do departamento que dirixe Marcos Rey.
O acordo de colaboración que o Concello asinará co presidente da entidade, Pedro Pereira, irá o vindeiro martes a Xunta de Goberno Local para a súa aprobación e permitirá a entrega de produtos de primeira necesidade, así como daqueles outros imprescindibles para unha vida normalizada, centrándose fundamentalmente en familias con menores a cargo e facilitando, na medida do posible, unhas condicións máis dignas e saudables. Tal e como explica Marcos Rey, “nestes momentos existe un número importante de persoas en situación de exclusión social, familias con poucos ingresos, anciáns, menores desprotexidos, persoas inmigrantes… E o novo convenio busca a cobertura das súas necesidades básicas, tales como comida ou produtos de hixiene”.
“A Fundación Provincial Banco de Alimentos é recoñecida pola súa actividade en Pontevedra dende a súa creación no ano 1995, centrando a súa actividade no apoio e atención ás persoas máis necesitadas e na loita contra situacións de pobreza e a marxinación social. Cumpre unha función social necesaria para complementar a rede de dispositivos de accións voluntarias que constitúen o terceiro sector ou sector solidario -asegura o edil socialista- e no actual contexto de crise consideramos necesario formalizar esta colaboración a través dun convenio”.
O programa dará cobertura a persoas en situación ou risco de exclusión social, así como a familias con escasos ingresos, unha vez que o Servizo de Benestar Social realice unha análise previa e proceda a derivalas ao Banco de Alimentos. O reparto de produtos de primeira necesidade realizarase de xeito mensual no emprazamento determinado polo Concello e nos que xa se fai de xeito habitual. Para elo terase en conta como aspecto prioritario o absoluto respecto á dignidade das persoas e á súa intimidade.
A alta no programa producirase a través dun documento de derivación dos Servizos Sociais municipais. Este documento indicará o contido da axuda precisada e o período de desfrute, que será como máximo de un ano. Unha vez transcorrido o período de desfrute poderá renovarse a axuda sen necesidade de nova derivación, salvo no caso de que transcorra un prazo de 4 meses desde a baixa no programa.
En colaboración e coordinación con UAD, CIM e Unidade de Día
O concelleiro responsable de Benestar Social sinala que este convenio contempla “unha liña de colaboración e coordinación con outros dispositivos como a Unidade de Atención aos Drogodependentes (UAD), Unidade de Día Municipal ou Centro de Información á Muller (CIM)”. “As achegas do Concello -engade o edil do PSOE- serán destinadas a sufragar os gastos necesarios para o funcionamento do Banco de Alimentos, que conta cun local en réxime de alugueiro na rúa Faustino Santalices, así como calquera outro gasto necesario para o axeitado desenvolvemento do plan de cobertura de necesidades básicas, dende subministracións e gastos de transporte ata seguros ou material”.
Marcos Rey lembra que, á marxe do persoal que eventualmente contrata para as diferentes campañas de captación, recollida e distribución de alimentos, “a Fundación Banco de Alimentos susténtase no valiosísimo labor efectuado polos seus voluntarios”.