- Esixe á Xunta de Galiza que adopte todas as medidas necesarias para garantir de xeito inmediato o 100% de presencialidade nas súas aulas de Bacharelato deste centro educativo
A Xunta de Goberno local acordou na súa sesión desta mañá apoiar a comunidade educativa do Sánchez Cantón na súa reivindicación de ter o 100% das aulas na modalidade presencial.
“Desde o Concello non podemos entender esta improvisación e esta falta de previsión da Xunta que fai que o alumnado do Sánchez Cantón concorra en desigualdade de oportunidades a probas como, por exemplo, a ABAU” asegurou a portavoz do Goberno, Anabel Gulías.
Gulías lembrou que fronte a todos os demais institutos pontevedreses que terán o 100% do ensino presencial, para o alumnado do Sánchez Cantón proponse desde a Xunta un curso con só a metade do horario lectivo presencial. Esta circunstancia está motivando numerosas protestas por parte da comunidade educativa deste centro, ás que o Concello se suma esixindo á Xunta de Galiza que adopte todas as medidas necesarias para garantir de xeito inmediato, ou cando menos o antes posible, o 100% de presencialidade nas aulas de Bacharelato.
O goberno municipal cita como exemplo da improvisación da Consellaría de Educación que seis meses despois de decretarse o estado de alarma, se conculquen os dereitos do alumnado do Sánchez Cantón mentres que, durante esta fin de semana e grazas á loita das familias deste alumnado, se atopu unha solución que garante o 100% de presencialidade no IES Valle-Inclán.