- O tenente de alcalde e as asociacións socio sanitarias participantes acordan celebrar o evento entre o sábado 26 e o domingo 27, prescindindo das actividades previstas para o venres 25
- O concelleiro Tino Fernández asegura que “non existen protocolos máis estritos que os que se van seguir neste evento” e que o recinto no que se instalarán os stands “estará ao aire libre”
A I Feira da Saúde e o Benestar de Pontevedra ‘PonteSan’ vaise celebrar a vindeira fin de semana, tal e como estaba previsto, pero reducindo o seu programa inicial de tres a dúas xornadas. O tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Actividade Física e Saúde, Tino Fernández, e os voceiros das asociacións socio sanitarias participantes decidiron por unanimidade seguir adiante co evento e, por motivos organizativos e de óptimo control de acceso (entre outras cuestións, contar cos suficientes voluntarios) prescindir da xornada inaugural do venres 25 de setembro e manter as datas do sábado 26 e o domingo 27.
A decisión foi adoptada onte durante unha reunión que os colectivos mantiveron co edil socialista no Pazo da Cultura e á que tamén asistiu o concelleiro electo Marcos Rey (que o vindeiro luns tomará posesión como responsable da área e Benestar Social). Segundo expón Tino Fernández, “tras analizar as diferentes opcións, entre elas por suposto a de adialo, todos coincidimos na importancia que ten un evento como este precisamente no contexto actual e en que se non se fai agora, non se vai facer”. “Este ano -sinala- ía estar dende logo moi complicado”.
Fernández afirma que, dende o punto de vista sanitario, “a planificación de ‘PonteSan’ non se limita só a cumprir ao pé da letra as normas de prevención contra a Covid-19 que estableceu a Xunta para este período”, senón que “é posible asegurar que non existen protocolos máis estritos que os que se van seguir neste evento”. Ademais da obrigatoriedade da mascarilla, o control de temperatura nos accesos, a instalación de dispensadores de xel hidroalcólico e a dotación dun equipo que controlará o mantemento das distancias de seguridade e evitará aglomeracións, permitirase un aforo máximo de 150 persoas e estableceranse dous puntos únicos de acceso e saída ao recinto de expositores da Praza de España, que, como apunta o tenente de alcalde, “estará aberto lateralmente en todo o perímetro e, polo tanto, ao aire libre”.
En base á nova programación, a I Feira da Saúde e o Benestar, organizada pola Concellería de Deportes en colaboración coa Deputación Provincial, abrirá as súas portas ao público de xeito gratuíto o sábado 26 de 10:30 e a 14:00 horas e de 16:30 e a 20:00 horas e o domingo 27 entre as 10:30 e as 14:00 horas. Os asistentes poderán coñecer de primeira man o esencial labor que desempeñan as máis de 30 asociacións socio sanitarias sen ánimo de lucro, colexios profesionais e institucións gobernamentais que confirmaron a súa presenza.
Charlas, talleres, probas médicas e showcooking
O programa de ‘PonteSan’ contempla obradoiros sobre reciclaxe de medicamentos, promoción da bicicleta, alimentación saudable, coidado da pel, aromaterapia e plantas medicinais, así como charlas sobre prevención do Alzhéimer, doazóns, gripe, exploracións mamarias ou convivencia coa Covid-19. O público que se achegue ata a Praza de España e a avenida de Montero Ríos tamén poderá facerse medicións do colesterol, probas de tensión arterial, análises de azucre e controis de peso, e participar en actividades físicas que abranguerán dende aulas de ioga, pilates, baile, tai chi, defensa persoal e hipopresivos até ximnasia de mantemento, talleres de movemento e obradoiros de memoria (ademais de ludotecas).
O horario das charlas da Feira Saúde sería o seguinte:
Sábado 26:
– 10:30-11:00 horas: Inauguración
– 11:00-12:00 horas: Charla Covid-19
– 12:00-12:30 horas: Charla Alzhéimer
– 12:30-13:00 horas: Charla Asociación de Persoas Xordas (APXP)
– 13:00-14:00 horas: Charla Anedia + Showcooking
– 17:00-18:00 horas: AECC + exploración mamaria (ASEM)
– 18:00-18:30 horas: Charla Déficit Atención e Hiperactividade (ADAHPO)
– 18:30-20:00 horas: Mesa redonda de tódalas asociacións implicadas
Domingo 27:
– 11:00-11:30 horas: Charla gripe
– 11:30-12:00 horas: Charla probióticos (AGAELA)
– 12:00-12:30 horas: Charla Organización Xordos de Galicia (XOGA)
– 12:00-12:30 horas: Charla ‘Patrimonio inmaterial’ (AGAELA)
– 13:00-14:00 horas: Xornada de peche
O evento busca converterse en punto de encontro para toda a cidadanía interesada na súa saúde, o benestar persoal e o estilo de vida saudable, así como para os diferentes profesionais do sector, e contará con áreas de expositores, conferencias, obradoiros, probas e valoracións médicas e actividades deportivas.
Entre os colectivos participantes atópanse ACEGA (Celíacos de Galicia), ADICAM (Diagnosticad@s de Cancro de Mama), ADAHPO (Déficit de Atención e Hiperactividade), AGAELA (Afectados de Esclerose Lateral Amiotrófica), AECC (Asociación Española Contra o Cancro), AFAPO (Enfermos de Alzhéimer e outras demencias), ALCER (Loita Contra as Enfemidades do Ril), Proxecto Home, ANEDIA (Asociación de Nenos, Nenas e Xente Nova con Diabetes), Amizade (de Persoas con Discapacidade da Comarca de Pontevedra), APROPARK (Asociación de Párkinson de Pontevedra), APXP (Persoas Xordas), ASAMPO (doazón de sangue, órganos e tecidos), ASEARPO (Enfermos de Artrite), ASEM Galicia (Enfermidades Neuromusculares), ASSEII (Asociación de Enfermidades Inflamatorias Intestinais), COGAMI (Confederación Galega de Persoas con Discapacidade), Juan XXIII, XOGA (diversidade sensorial), Down Xuntos (síndrome de Down), Cruz Vermella e a ONCE.
No que atinxe ás asociacións profesionais, están convidadas a de Formación Odontolóxica (AGFO), a Academia Española de Dermatoloxía e Venereoloxía (AEDV), o Colexio Oficial de Dietistas-nutricionistas de Galicia, o Colexio de Fisioterapeutas, a Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría, o Colexio Profesional de Logopedas, a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue e o Colexio de Ópticos e Optometristas.