- A Concellería que dirixe Iván Puentes investirá uns 22.000 euros nestes traballos, que acometerá a empresa de servizos forestais Redenor. As obras iniciáronse no tramo que vai até a Ponte das Palabras
A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural iniciou hoxe os traballos de renovación das pasarelas de madeira e reposición do pavimento do primeiro treito da senda fluvial do Lérez, que discorre entre a praia e a estación de bombeo de Monte Porreiro. O proxecto, no que o departamento que dirixe Iván Puentes investirá uns 22.000 euros, iniciouse no tramo que vai entre o comezo do sendeiro, na avenida de Bos Aires, e a Ponte das Palabras, coa previsión de que estas primeiras obras estean rematadas nos vindeiros días.
Segundo explica o edil socialista, as actuacións inclúen “a renovación e reposición completa de tódolos listóns e táboas de madeira deteriorados ou rotos nas pasarelas e nas súas varandas”, así como de “tódolos elementos estruturais da senda”. Asemade, reporase o pavimento naqueles puntos que o precisen, “tanto para eliminar as fochas e ‘baches’ do camiño como para darlle máis solidez ao firme”.
O concelleiro de Desenvolvemento Sostible avanza que “unha vez rematados estes traballos, o Concello tamén intervirá no treito que discorre entre a estación de bombeo e a parroquia de Bora”, co obxectivo de que toda esta senda fluvial do Lérez estea “en perfectas condicións antes da chegada do inverno”.



