- Estase completando a instalación de pasos de peóns sobreelevados nesta rúa, ao tempo que se procederá á rehabilitación da capa de rodadura no treito entre a rotonda con Doce de Novembro e a estación de tren
- Trátase dunha actuación coordinada entre as concellarías de Sostemento de Espazos Públicos e de Obras Urbanas, co obxecto de minorizar as molestias para a veciñanza
As concellerías de Sostemento de Espazos Públicos e de Obras Urbanas, xestionadas pola concelleira Eva Vilaverde e polo concelleiro Demetrio Gómez respectivamente, están acometendo unha actuación coordinada nun tramo da rúa Eduardo Pondal. Trátase de completar a instalación de pasos de peóns sobreelevados nesta vía e de rehabilitar a capa de rodadura no tramo máis próximo á estación de tren, posto que presentaba certo deterioro.
Os traballos para a instalación dos pasos sobreelevados xa deron comezo este martes naqueles pasos de peóns da rúa Eduardo Pondal que aínda non dispoñen deste redutor velocidade. A este respecto, convén lembrar que a finais do pasado mes de xaneiro xa se instalaran os primeiros lombos tanto na rúa Eduardo Pondal como en Otero Pedraio, por ser unhas das poucas de dobre vía que aínda non dispoñían deste tipo de elementos de calmado de tráfico.
Esta parte da actuación, que corre a cargo da empresa E. C. Casas, xa deu comezo coa demolición do pavimento naqueles puntos nos que se vai proceder ao levantamento das beirarrúas para que o peón non teña que baixar á calzada para cruzala. Unha vez que estean adaptadas as beirarrúas, procederase á instalación dos pasos de peóns sobreelevados e posterior asfaltado e pintado.
Mentres, está previsto que a partires de mañá, xoves 26 de xuño, a empresa COVSA (adxudicataria das obras de mantemento de espazos públicos urbanos) comece co fresado de cara ao posterior asfaltado do treito da rúa entre a rotonda con Doce de Novembro e a rotonda fronte á estación de tren.
Estas actuacións levan aparelladas un plan de tráfico específico para a zona do tramo en obras. Así, entre a rotonda con Doce de Novembro e a rotonda fronte á estación de tren só se permitirá a circulación en sentido saída da cidade. Esta restrición no sentido da circulación estará vixente durante as xornadas do xoves e venres desta semana. Ademais, os accesos cara a rúa Eduardo Pondal desde rúa Estación (desde a glorieta con Josefina Arruti ) e desde a rúa Otero Pedraio (desde a rúa Conde Bugallal ) estarán pechados ao tráfico rodado agás para o acceso ás estacións de tren e de autobuses.
Estas actuacións responden a un traballo de detección de deterioros e pequenos axustes na convivencia de usos nas vías e espazos públicos urbanos, de xeito que as intervencións realizadas desde o departamento de Obras Urbanas e desde o de Sostemento de Espazos Públicos se complementen e se realicen de xeito coordinado, tratando de minorizar as molestias ocasionadas para a veciñanza.