- A maioría destes programas son de nova creación e ofrecerán durante os meses de xullo e agosto máis de 300 actividades en 13 espazos do centro e dos barrios da cidade
- A concelleira de Festas fixo fincapé en que a programación está en liña con “recuperar a vida na cidade e nos espazos públicos” compatibilizándoa coas medidas de seguridade vixentes
A concelleira de Festas, Carme da Silva presentou esta mañá a imaxe e o lema baixo o que se desenvolverá toda a programación de verán e das festas de Pontevedra: ‘Pontevedra vívese’. Explicou que “traballamos co concepto de recuperar a vida, volver a vivir a cidade, volver a vivir os espazos públicos, volver a vivir a rúa, porque se algo caracteriza a Pontevedra e ás pontevedresas e pontevedreses é que vivimos a nosa cidade”.
Así, para volver a vivir a cidade durante todo o verán, o servizo de Festas deseñou un total de 18 programas, a maioría de nova creación, que ofrecerán máis de 300 actividades dirixidas a todo tipo de públicos e que inclúen diferentes disciplinas artísticas, e que se desenvolverán nos 13 espazos que se habilitarán no centro e nos barrios da cidade.
Da Silva lembrou que “a Covid-19 obrigounos a repensar toda a programación de verán, a darlle unha volta tanto desde o punto de vista da programación como do concepto co que se desenvolverán as actividades”. Neste sentido, asegurou que ademais de recuperar a vida nas rúas da cidade, tamén se traballou co concepto fundamental da “responsabilidade e a seguridade”, polo que todos os espazos nos que se realicen as actividades contarán con cadeiras coas distancias de seguridade esixidas (neste momento de 1,5 metros), onde o público deberá permanecer sentado e evitaranse as aglomeracións nas inmediacións.
A concelleira tamén insistiu en que “esta reprogramación é fundamental para manter e apoiar a todo o sector cultural e artístico da cidade e, na medida das posibilidades, tamén ao galego, que é unha parte moi importante da economía que se xera arredor do tecido cultural e artístico pero tamén ao redor do comercio e da hostalería”.
Programas:
- Vén Trebellar: ciclo actividades infantís que se vai desenvolver en parques da cidade e que inclúe diversas disciplinas artísticas como contacontos, música ou teatro
- Sondeaquí: programa específico para dar visibilidade á viveza musical de Pontevedra e que bandas locais de música actual de todo tipo de estilos
- A rebulir!: animación de rúa de compañías galegas. Trátase dunha adaptación do programa Itineranta á situación actual, polo que se deseñou sen paradas e con percorridos longos para evitar aglomeracións en puntos concretos.
- Barullada de Rock: crearanse espazos para concertos (un deles serán as pistas de Campolongo) para acoller actuacións de grupos de rock de Pontevedra
- Virar coa Gaita: ciclo de música tradicional galega, con grupos fundamentalmente de Pontevedra
- Música Nova: bandas galegas de diferentes disciplinas
- Artes Vivas: programa que combina a fusión entre disciplinas como a música, o teatro, ou a danza
- Con Voz de Muller: programa multidisciplinar para poñer en valor a voces femininas en campos como a narrativa, teatro, regueifas ou música
- Noites de Jazz: programación especíca de jazz
- Cinema na Lúa: mantense o programa de cine ao aire libre xa existente
- Clásicas na rúa: terá lugar no quiosco da Alameda e estará dedicado á música clásica
- Urban Pontevedra: dedicado ás disciplinas artísticas vinculadas ás artes urbanas que se desenvolverá en Monte Porreiro
- Aquí Cántase: readaptación do programa xa existente que pasará a un escenario con distancias de seguridade
- Vai de Música: músicos clásicos fusionando con outros artistas, con pequenos bloques de músicos de banda que van actuar conxuntamente con convidados especiais, como outros músicos de disciplinas diferentes, humoristas, etc
- Xeiras das artes: xornadas mulitidisciplinares con narración, ilustración ou performance
- Pontevedra máxica: ciclo dedicado especificamente a espectáculos de maxia
- Festa do Demo
- Memorial Ricardo Portela