Pontevedra renovará a impermeabilización do depósito da ETAP de Lérez de maior capacidade

  • A actuación neste depósito, que data 1988 e ten capacidade para 15.000 metros cúbicos, está destinada a evitar perdas de auga e manter as instalacións en perfecto estado de revista
  • O proxecto, que se inclúe dentro das obras de mellora do contrato da auga, ten un orzamento de 544.808 euros e un prazo de execución de 4 meses

O concelleiro responsable de investimentos no Ciclo da Auga, Raimundo González, presentou esta mañá o proxecto de impermeabilización do depósito da ETAP de Couso – Lérez. Este depósito, con capacidade para 15.000 metros cúbicos, é o de maior capacidade dos dous que se atopan nas instalacións da potabilizadora de Lérez e tamén o maior dos 8 que existen actualmente en todo o Concello.

Segundo explicou Raimundo González este depósito, que data do ano 1988, presenta perdas de auga entre os paneis prefabricados de formigón que forman as paredes e entre as xuntas dos propios paneis coas zapatas e a soleira do pavimento. Tamén indicou que, aínda que a auga que se filtra se recupera, a actuación ademais de evitar estas perdas tamén permitirá ter as instalacións en prefecto estado de revista e evitar o custe de enerxía que supón volver bombear a auga filtrada. 

A actuación, que se prevé comece en setembro e terá un prazo de execución de 4 meses, solventará as filtracións actuais, que se reforzará cunha impermeabilización completa en todos os paramentos interiores -paredes, soleira e teito-, así como na cuberta e no muro frontal. O importe desta obra ascende a 544.808,21 euros e está incluído dentro das melloras do contrato da auga. 

Raimundo González tamén explicou que o Concello de Pontevedra conta en total con 8 depósitos, sendo o de máis capacidade o de Couso-Lérez no que se vai actuar. Nas mesmas instalación tamén se ubica un segundo depósito, construído en 2015, e con capacidade para 12.500 metros cúbicos. Tamén en Lérez se sitúan dous máis, un deles no Castelo, con capacidade para 80 metros cúbicos e que funciona como un depósito de carga para as zonas de Lérez ás que non chega a presión da auga; e outro na contorna do centro de saúde con capacidade para 6.000 metros cúbicos e que data do ano 1928. No Campiño sitúanse os dous que están na cota máis alta, a 370 metros sobre o nivel do mar, un de 3.000 metros cúbicos e outro de 1.000 metros cúbicos. En San Amaro atópase o máis vello, que data do ano 1886 e ten capacidade para 1.000 metros cúbicos, e que neste momento se está utilizando para bombear ao Campiño, Príncipe Felipe e a Montecelo. Por último, en Castro Senín está o máis recente, construído en 2015 e con capacidade para 3.000 metros cúbicos.

Todos estes depósitos permiten acumular 41.580 metros cúbicos de auga o que equivale, segundo indicou o concelleiro, á auga necesaria para darlle servizo durante 3 días a toda a poboación de Pontevedra e contorna. 

Compartir publicación: