O Local de Música reabre este venres logo do Estado de alarma

  • Neste tempo puxo en marcha moitas actividades online das que destaca o xogo de escolla da mellor banda da cidade, que resultou ser Malkeda.
  • As propostas do Local Online recibiron 190.000 interaccións e 7.400 gústame nas redes sociais, a súa principal liña de comunicación nestes meses.

Co remate do Estado de Alarma, chega a “nova” normalidade ao Local de Música, de Pontevedra, que xestiona a Concellaría de Xuventude dirixida por Alberto Oubiña, que durante estes meses tivo que reinventarse mudando todo o proxecto ao mundo en liña, mentres as instalacións permaneceron pechadas. O Local abrirá as súas portas este venres adoptando as novas medidas de control sanitario.

Durante o Estado de alarma lanzou varias propostas, actividades e novidades todas elas adaptadas ao mundo tecnolóxico.

Unha delas foi “O Local Online”, un proxecto que formado por unha parte pública (redes sociais) e unha parte interna. Ao respecto da parte pública, as actividades propostas foron consellos de formación, softwares, historia da música da cidade, concertos míticos e o xogo da votación IEOMGDHDP. 

O IEOMGDHDP (Imos escoller o mellor grupo da historia de Pontevedra) é un xogo que naceu no convivio do Local celebrado en xaneiro. Entre as persoas alí presentes fíxose un listado de bandas “míticas” da cidade e das máis recentes que poderían optar a este recoñecemento. A parte das bandas que saíron dese listado, o Local fixo un traballo de investigación de grupos pioneiros na cidade e que foron incorporados ao xogo de votacións. 

Despois dunha primeira eliminatoria, fíxose unha fase final, un cuartos e unhas semifinais antes da gran final. As votacións fixéronse a través das redes sociais do Local nun proceso aberto de participación. 

Malkeda levouse a vitoria con 660 votos na gran final superando a Os Fervellasverzas que lograron 327. 

Dentro deste “O Local Online” púxose en marcha unha serie de actividades e melloras online, que incluíron a renovación da web, un novo blog, unha plataforma de formación en liña e reservas de citas co persoal do Local para formación e asesoramento. 

Todas as actividades de “O Local Online” pasaron polo mundo dixital e a través das redes sociais, e grazas ao cambio, o proxecto, transformouse en máis de 190.000 persoas alcanzadas coas publicacións nas redes e máis de 7.400 “gústame”, comentarios e demais interaccións. 

A inminente apertura das instalacións físicas do Local traerá novos proxectos e actividades. 

www.localdemusica.gal https://blog.localdemusica.gal/ 

Compartir publicación: