Search
Close this search box.

Proposta de adxudicación do proxecto construtivo do Parque Forestal da Fracha

  • A empresa adxudicataria proposta é Elsamex cunha oferta económica de 453.021,69 euros e, unha vez dea inicio ás obras, contará cun prazo de execución de 12 meses

A Mesa de Contratación do Concello de Pontevedra vén de aprobar a proposta de adxudicación do proxecto construtivo do Parque Forestal Periurbano da Fracha á empresa Elsamex por 453.021,69 euros. A contratación tiña un prezo de licitación de 564.864,95 euros e un prazo de execución de 12 meses. Tíñanse presentado 15 empresas.

O proxecto construtivo do Parque Forestal da Fracha consiste no acondiciomanto dunha área que abrangue un total de 406 hectáreas nas parroquias de Marcón (110,72 Ha), Tomeza (36,88 Ha) e A Canicouva (258,40 Ha) e as actuacións máis salientables van encamiñadas a acadar unha revexetación forestal con especies forestais autóctonas, a creación de áreas de estancia e lúdicas, o tratamento antierosión do terreo, a recuperación ambiental das beiras dos ríos, e a recuperación, marcado e creación de sendas.

A memoria do proxecto de licitación indica como obxectivo xeral desta actuación o de ofrecer á cidade un espazo de ocio no medio natural e mellorar a calidade medioambiental e paisaxística do mismo grazas a unha serie de actuacións de posta en valor, que divide en 5 apartados: 

1. Traballos de desbroce

2. Traballos de explanación e limpeza do terreo

3. Traballos de paisaxismo

4. Traballos de construción de camiños peonís

5. Instalación de mobiliario urbano

En conxunto a actuación implica a plantación de especies arbóreas autóctonas e de vexetación de ribeira na marxe dos ríos; a creación de áreas de estancia e lúdicas, concretamente en Marcón acondicionarase a área do Outeiro Navío, en Tomeza a área e o miradoiro na Regha Pieira, e na Canivouva a área e o miradoiro no Couto das Forcadas; e a creación e acondicionamento dun total de 26,6 quilómetros de sendas, tanto para bicicletas como para camiñar. 

Con este proxecto, o Concello reforzará o anel verde da cidade apostando por manter as zonas forestais coidadas, vixiadas, e máis resistentes ao risco de lumes, en consonancia coa estratexia Efecto PO2. Así, co Parque Forestal da Fracha, xunto co do Pontillón e o da Tomba, contribuirase a poñer en valor e dignificar socialmente o monte, loitar contra os incendios desde a perspectiva da prevención, e transformar o monte nun recurso sutentable, diversificando as plantacións e promovendo espazos de lecer e accións para que a xente se achegue e o coñeza.

O proxecto construtivo do Parque Forestal Periurbano da Fracha está enmarcado nos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) concedidos a Pontevedra a través da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible (EDUSI) “Máis Modelo Urbano Pontevedra”. 

Compartir publicación: