- Recollida de lixo específica para persoas afectadas por coronavirus, atención a colectivos vulnerables, e pago a proveedores, entre as prioridades
- O alcalde anuncia as medidas económicas máis inmediatas e asegura que se está traballando para manter a liquidez das persoas e das empresas, no marco das competencias municipais
- Fernández Lores parabeniza aos veciños e veciñas polo seu comportamento responsable e agradece ás traballadoras e traballadores públicos o seu compromiso nestas circunstancias
“Estou moi orgulloso do comportamento responsable e solidario dos veciños e veciñas de Pontevedra e, en especial, quero recoñecer o compromiso dos funcionarios do Concello e dos traballadores das empresas concesionarias”. Así comezaba o alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores, a súa comparecencia (non presencial) para dar conta do operativo de coordinación que o Concello ten en marcha desde o pasado día 9 por mor da crise sanitaria.
“Quero trasladarlle á veciñanza que o Concello como Administración máis próxima aos veciños e veciñas está full time, e que temos un operativo funcionando ante esta situación de emerxencia no que están integrados todos os concelleiros e concelleiras de goberno” insistiu o alcalde. Este operativo, segundo explicou, permite “poder prestar os servizos que se precisan dun Concello nestas circunstancias”.
Fernández Lores fixo especial fincapé no compromiso que están traballando “están cumprindo todas as medidas de protección da saúde, tanto da súa como do resto da poboación, para cumprindo as súas obrigas nas distintas modalidades que puxemos en marcha para poder traballar”.
Como exemplo explicou que, no día de onte, foron 110 os funcionarios que realizaron o seu traballo en remoto desde os seus domicilios (55 en quenda de mañá e 55 en quenda de tarde) e 100 traballaron presencialmente en quendas e en distintas dependencias municipais. A estes números, súmanselle as 150 persoas que conforman as plantillas de Policía Local e Bombeiros que permanecen operativas na súa totalidade. Tamén explicou que as persoas que non traballaron foi por pertencer a grupos de risco, por ter necesidades de conciliación familiar, ou porque aínda non se incorporaron a este operativo.
Por último, o alcalde tamén informou que desde o Concello se está en permanente coordinación coas distintas Administracións con competencias na xestión desta crise, como o Sergas ou a Subdelegación do Goberno.
Atención telefónica
“Para o Concello de Pontevedra é unha prioridade atender a todas as persoas que teñen máis dificultades ou máis débiles” asegurou Fernández Lores. Así, deu conta dos distintos números de información municipal aos que pode recurrir a cidadanía, tanto para información xeral como para atención de colectivos do servizo de Benestar Social.
– Para emerxencias ou consultas xerais están dispoñibles os números de teléfono do Concello (986 804 300 e 986 100 185)), de 9h a 14h, e o teléfono da Policía Local (986 833 080), as 24 horas.
– Para colectivos do servizo de Benestar Social habilitáronse dúas liñas específicas que corresponden cos números 986 85 03 98 e o 986 84 83 34, dispoñibles de 8h a 20h.
– Para vítimas de violencia machista habilitouse a liña 900 119 741, dispoñible de 9h a 21h, e o 606 400 680 para atención as 24 horas
– Para recollida de lixo específica para persoas afectadas por coronavirus, a comunicación debe realizarse a través do teléfono da Policía Local (986 833 080)
Ademais da atención telefónica, o alcalde lembrou que para as persoas sen teito se habilitaron os albergues da Raíña da Paz, en Salcedo, e o albergue de Rexurdir a carón da Ponte da Barca. En canto aos usuarios do servizo de comedor escolar especialmente vulnerables (becados por Servizos Sociais) o servizo estase prestando a través do comedor de San Francisco.
Medidas económicas
Miguel Anxo Fernández Lores tamén situou a economía como unha das prioridades do Concello e, neste sentido, anunciou que deu “unha instrución clara aos servizos de Intervención e Tesourería para garantir o pago a proveedores, nóminas, etc, entendendo que facilitar a liquidez é unha das nosas atribucións fundamentais”.
Asegurou que os servizos do Concello “están estudando todos os Decretos e Ordes de cara ver que posibilidades temos de minorar as consecuencias económicas que poidan estar padecendo os veciños de Pontevedra”.
Neste eido, indicou que xa se acordou unha moratoria para o pago do imposto de vehículos de tracción mecánica. Este recibo, previsto para o mes de abril, porase ao cobro o 4 de maio e o período voluntario será ata o 6 de xullo.
Tamén se ampliará en dous meses máis o pagamento do recibo mensual do padrón de mercados e valados. Este recibo que ten un prazo de pagamento de dous meses, pasa a ter un prazo de catro meses.
Estas medidas iniciais foron tomadas porque segundo explicou o alcalde “cremos que como Concello, ademais de ter a responsabilidade de manexar cartos públicos, podemos intentar mellorar a economía das persoas”.