- O proxecto impulsado polo concelleiro de Deportes, Tino Fernández, pretende poñer en valor a paisaxe, fauna, flora e patrimonio do noso concello e fomentar a práctica de actividade física
O proxecto Ponteandadas, que pretende poñer en valor a paisaxe, fauna, flora, cultura e patrimonio dos espazos naturais polos que discorre e fomentar a actividade física e a vida saudable, regresa o vindeiro mes cun atractivo circuíto de cinco andainas e charlas sobre deporte, fisioterapia e alimentación. Os roteiros, organizados pola Concellería de Deportes, Actividade Física e Saúde grazas á colaboración do Naturgaliza Club, desenvolveranse entre marzo e outubro, percorrendo varias parroquias do concello de Pontevedra (Mourente, Bora, Cerponzóns, Lourizán e Alba), así como sendeiros do Camiño de Santiago e zonas verdes do centro urbano.
O calendario do circuíto de andainas foi presentado hoxe en rolda de prensa polo máximo responsable da Concellería, o socialista Tino Fernández, acompañado polo coordinador de Ponteandadas 2020, Juan Romero, e o seu director técnico/deportivo, Javier Piñeiro. Tal e como suliñou o tenente de alcalde, esta iniciativa, que chega á súa cuarta edición, “encaixa á perfección” cunha das prioridades do seu departamento: “fomentar a actividade físico-deportiva, impulsar a vida asociativa e deportiva en cada parroquia, promover un tempo de lecer saudable e educar e sensibilizar en materia medioambiental”.
“Queremos acadar a maior implicación posible por parte das parroquias e dinamizar a economía e o turismo locais nas zonas que percorrerán os roteiros. Trátase de apostar polo turismo do lugar e de deixar como legado un itinerario consolidado no concello”, asegurou Fernández.
Tal e como apuntou o concelleiro de Actividade Física e Saúde, este circuíto de andainas permite “que a xente faga deporte sen darse conta, dun xeito ameno, entretido e cultural”, motivo polo que “existe unha ampla marxe de idades para as que foron deseñados os roteiros”.
O programa municipal porase oficialmente en marcha o domingo 15 de marzo, cun percorrido circular de 12 kilómetros (Mourente/Bora) de dificultade media-alta, que sairá ás 10:00 horas da igrexa de Santa María de Bora, cunha altitude máxima de 377 metros e unha duración estimada de tres horas (enlace da ruta: https://www.wikiloc.com/outdoor-trails/mourente-44079619). A seguinte camiñada celebrarase o domingo 24 de maio na parroquia Cerponzóns, con punto de encontro-saída na igrexa de San Vicente, percorrido circular de 15,9 kilómetros, dificultade media e duración estimada de 3,5 horas (https://www.wikiloc.com/outdoortrails/ruta-1-cerponzonspontillon-21941754).
Unha Pontextrem e un roteiro nocturno
O circuíto de Ponteandadas inclúe un itinerario circular denominado ‘Pontextrem’ con saída en Lourizán (na contorna das piscinas de Rías do Sur), que se desenvolverá o domingo 14 de xuño. Segundo apuntou Juan Romero, para esta xornada propóñense dúas opcións de percorrido: “Un Extremo, de 32 kilómetros, dificultade alta e duración estimada de 5,5 horas, con saída ás 8:00 horas; e outro Desafío, de 15 kilómetros, dificultade media, duración de 3,5 horas e saída ás 10:00 horas, coa intención de que cheguen a destino á mesma hora (enlaces das rutas: ‘https://www.wikiloc.com/hiking-trails/extremi-44150840′ e ‘https://www.wikiloc.com/outdoor-trails/desafio-20-44234035).
“A actividade -aclarou Romero- non ten carácter competitivo, polo que non haberá clasificación, trofeos nin cerimonia de entrega de premios. Entregarase un diploma participativo aos deportistas que completen o percorrido e medallas ‘finisher’ a tódolos participantes”.
Para o sábado 12 de setembro organizouse unha Ponteandada Nocturna de carácter urbano, con saída da Praza de España ás 21:00 horas e un percorrido circular de 12 kilómetros e dificultade baixa. A duración estimada desta andaina é de 2,5 horas, pasando polos principais parques naturais da nosa cidade (https://www.wikiloc.com/outdoor-trails/pontenatural-16677785).
O calendario de roteiros de 2020 pecharase o domingo 25 de outubro cun itinerario circular de 16 kilómetros e dificultade media que partirá da ponte do Burgo ás 10:00 horas e que ten unha duración estimada de 3,5 horas. A parte inicial da andaina desenvolverase polo Camiño de Santiago, regresando polo lugar de Reiriz, na parroquia de Alba (https://www.wikiloc.com/outdoortrails/camin-44142122).
Charlas sobre deporte, alimentación saudable e fisioterapia
O programa de Ponteandadas 2020 completarase cun ciclo de charlas sobre vida saudable que se celebrará na Casa da Luz en horario de tarde. O primeiro dos coloquios terá lugar o sábado 18 de abril ás 17:30 horas e levará por título ‘Deporte a calquera idade’, mentres que o 28 de xuño á mesma hora desenvolverase un centrado en ‘Materiais e técnicas de adestramento moderado’, no que se ofrecerán recomendacións e consellos neste eido. A última das charlas, tamén ás 17.30 horas, sobre ‘Fisioterapia e alimentación saudable’, fará fincapé nos nocivos efectos dunha vida sedentaria e na importancia de levar unha rutina saudable e unha nutrición sa.
A inscrición no circuíto de andainas poderá efectuarse enviando un correo electrónico cos datos persoais (nome completo, DNI, data de nacemento, email e teléfono de contacto) á dirección ‘ponteandadas@gmail.com‘, a través do teléfono 625 48 26 36 ou presencialmente na Casa da Luz (oficina de Turismo de Pontevedra) tódolos mércores en horario de 11:00 a 12:00 horas. A cuota individual de inscrición no programa é de 8 euros para circuíto completo, e de 2 euros por andaina solta (excepto para o roteiro Pontextrem, que terá un custe de 4 euros). Toda persoa que se atope en situación de desemprego na data de celebración dunha andaina poderá participar de balde na mesma.
O número máximo de participantes será de 300, levando un rigoroso orde de inscrición ata completar este cupo, podendo asistir toda persoa que certifique estar en boas condicións físicas e de saúde e aqueles menores a partir dos 12 anos que vaian acompañados por un adulto responsable e que conten cun modelo de autorización paterna por escrito. Entre os servizos das andainas inclúense ambulancia, vehículo de apoio e seguimento (por se alguén decide retirarse da ruta ou precisa axuda), sete monitores titulados, guías turísticos, dous avituallamentos por itinerario, agasallos personalizados e subscrición de seguro de responsabilidade civil por parte de Naturgaliza Club e de seguro de accidentes individual para cada participante.