Máis de 700 escolares do concello plasman en teas ecolóxicas como mellorarían o mundo

  • Esta acción promovida pola Concellaría de Promoción da Cidade dentro da campaña Efecto PO2, quere concienciar aos máis cativos da importancia de loitar contra o cambio climático.
  • O resultado deste traballo exporase nas Palmeiras ao seu remate.

A Concellaría de Promoción da Cidade, que xestiona Anabel Gulías, traballa nestas semanas nun obradoiro escolar en marcado dentro do programa Efecto PO2 que se puxo en marcha en 13 centros de ensino do Concello. Está sendo unha intervención artística colectiva de 716 nenos e nenas dos centros de infantil e primaria do concello que, ao seu remate,  amosarase no parque das Palmeiras, polo que a intervención contará tamén coa colaboración da Concellaría de Parques e Desenvolvemento sostible.

A intervención farase até o vindeiro 22 de novembro con monitores desprazados aos centros de ensino participantes, e estará dividido en dúas partes: unha introductora baseada no libro A miña cidade publicado o pasado ano polo Concello de Pontevedra. Nesta primeira parte preténdese sensibilizar e concienciar sobre a importancia do valor e o respecto polo medio ambiente e como axudar ás cidades a potenciar e favorecer modelos urbanos que loiten contra o cambio climático e sexan modelos urbanos saudables, seguros e beneficiosos para as persoas.

A segunda parte é a práctica, na que os cativos e cativas plasmarán sobre unha tea ecolóxica con impresións de tubos de escape, chemineas… realizadas pola artista Susana Suniaga, as súas propostas para facer de Pontevedra e do mundo, en xeral, un lugar mellor e afondar na loita contra o cambio climático.

Os centros participantes son: Álvarez Limeses, Santo André de Xeve, San Martiño, Barcelos, Ponte Sampaio, Cabanas, Campolongo, Carballeira, Vilaverde, San Benito, Verducido, Vidal Portela e Marcón.

Está acción é unha das programadas dentro da campaña Efecto PO2, que dirixe a Concellaría de Promoción da Cidade e que pretende traer ao primeiro nivel de actualidade local o momento clave de emerxencia climática que vive o planeta.

Cabe lembrar que o nome da campaña Efecto PO2 fai referencia ás emisións de CO2, unha das principais causas do quecemento global do planeta. Precisamente Pontevedra, coa posta en marcha de políticas de transformación urbana -recuperación dos espazos públicos e redución de tráfico a motor, entre outras – conseguiu baixas as emisións contaminantes nun 66%.

A campaña Efecto PO2 marcará a acción municipal do presente mandato como xa ten manifestado a concelleira e portavoz do Goberno Anabel Gulías. Púxose en marcha coa convocatoria de folga mundial polo clima celebrada o pasado 27 de novembro. Ese foi o punto de partida para a posta en marcha de distintas accións en todos os eidos da política municipal, entre eles, tamén a educativa.

Compartir publicación: