A Xunta do Goberno local vén de aprobar a licencia urbanística para a execución das obras de reforma da estación de autobuses. Anunciouno esta mañá a portavoz do Goberno, Anabel Gulías, quen lembrou que en virtude do convenio asinado entre Concello e Xunta para o desenvolvemento da futura estación intermodal de Pontevedra, é responsabilidade da Administración local a tramitación das licenzas de obra.
Anabel Gulías salientou a importancia deste proxecto “posto que é un edificio que estaba nunhas condicións bastante negativas”, ao tempo que asegurou que “ter unha estación axeitada ás necesidades deste século inflúe moi positivamente no modelo de mobilidade que temos neste Concello, xa que defendemos que as persoas que entran na nosa cidade poidan vir en transporte público”.
A concelleira informou que as taxas das que se vai facer cargo a UTE contratada ascenden a un importe de 19.708,97 euros e que a lincenza urbanística aprobada corresponde unicamente ás obras de reforma do edificio da estación. Lembrou que o proxecto inclúe unha segunda fase que afecta á remodelación de toda a zona exterior e á conexión coa estación de ferrocarril e que a totalidade do proxecto ascende a preto de 6,1 millóns de euros. Gulías asegurou que “estamos moi expectantes de seguir con esta segunda fase do proxecto”, xa que a urbanización de toda a área circundante da estación de autobuses “vai conlevar unha reforma importante do cambio de accesos á propia estación e unha reorganización do tráfico na rotonda da avenida Josefina Arruti”. Por último, tamén incidiu en que esta remodelación se sumará á reforma do Gorgullón e ás obras previstas en Eduardo Pondal, o que mellorará significativamente toda a área.