Search
Close this search box.

O socialista Iván Puentes renovará o parque infantil da Praza de Europa coa instalación de novos xogos

  • O concelleiro mantivo un encontro co presidente da asociación veciñal O Mirador de Monte Porreiro para explicarlle os labores de mantemento que se están a levar a cabo no barrio
  • O edil do PSOE usará a vía disciplinaria medioambiental para ordenar o desbroce e limpeza de catro parcelas privadas nas contornas da rúa Alemaña, a EEI Fina Casalderrey e o Pavillón de Pádel

A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, que dirixe o socialista Iván Puentes, elaborará un proxecto para modernizar e ampliar a zona de xogos do parque infantil ubicado na Praza de Europa, no barrio de Monte Porreiro. O anuncio desta actuación, que coincide coa execución dos traballos de renovación da área de lecer para nenos da rúa Bélxica, tamén na urbanización (cun investimento de 2.800 euros), prodúcese despois dun encontro que o edil do PSOE mantivo no Concello co presidente da asociación veciñal O Mirador, Carlos Diéguez, coa finalidade de “explicarlle os labores de mantemento que se estiveron e están levando a cabo na urbanización e tomar nota das necesidades que existen”.

A mellora da zona de xogos do espazo infantil da Praza de Europa foi  precisamente unha petición expresa do propio Diéguez, que vería con bos ollos a instalación, entre outros posibles aparellos, dunha tirolina. Iván Puentes explicoulle que o seu departamento xa está a traballar nun plan de diagnose dos parques infantís de Pontevedra, “que permitirá establecer cales precisan dunha renovación, reforma ou ampliación”. “En todo caso, incluirase no mesmo a proposta para o da Praza de Europa”, avanzou o socialista.

O presidente de O Mirador tamén lle trasladou a súa preocupación ante o mal estado de conservación que presentan nestes intres catro parcelas de propiedade privada situadas na contorna da rúa Alemaña (dúas) e nas inmediacións da Escola de Educación Infantil (EEI) Fina Casalderrey e do Pavillón de Pádel de Monte Porreiro. Puentes explicoulle que, se ben o Concello carece de potestade para efectuar directamente a súa limpeza, si pode empregar nestes casos a vía da disciplina medioambiental, polo que se comprometeu a “requirirlles aos lexítimos propietarios das fincas que as manteñan en condicións e, no suposto de que estes non atendan a orde, executar o desbroce subsidiariamente, por suposto, co cobro da preceptiva ‘receita’”.

Arrincaranse os troncos das palmeiras ‘comidas’ polo picudo 

Iván Puentes e Carlos Diéguez tamén acordaron que a Concellería de Medio Natural arrinque os troncos de diversas palmeiras afectadas pola praga do gurgullo picudo vermello en Monte Porreiro, ao atoparse nun estado de saúde moi deteriorado. Asemade, o presidente de O Mirador solicitoulle ao concelleiro do PSOE unha ampliación da rede de hortas urbanas existentes no barrio, suxerindo posibles espazos para a súa ubicación nas contornas da Escola Taller, o Centro de Saúde e a Escola de Educación Infantil.

Puentes explicoulle a Diéguez os inxentes labores que a súa Concellería leva desenvolvidos na urbanización pontevedresa dende que botou a andar o mandato, entre outros, a creación dunha faixa antilumes na contorna do campo de fútbol de Monte Porreiro; a eliminación de eucaliptos e outras árbores invasoras e perigosas nas inmediacións da senda fluvial (para a plantación de especies autóctonas de ribeira); o acondicionamento do talude que hai entre a ponte do tren e a rotonda de acceso ao barrio; as podas de árbores na rúa Grecia e no centro asociado da Uned, e a citada renovación do parque infantil da rúa Bélxica, así como limpezas e desbroces en profundidade dunha vintena de parcelas nas rúas Grecia, Reino Unido, Portugal, Holanda e Dinamarca.

Compartir publicación: