- O Concello retirou 15 contedores que tiñan esgotados a súa vida útil e os substituíu por outros tantos en distintos puntos de recollida.
- Esta medida continuará en novembro coa retirada e colocación doutros 10 na zona periurbana.
- O Concello ten no tratamento dos residuos urbanos unha das liñas capitais de traballo dentro do programa Efecto PO2.
A Concellaría de xestión dos residuos urbanos, que dirixe Raimundo González Carballo, acaba de renovar parte do parque de colectores de carga frontal que dá servizo ao centro histórico. Esta medida que se complementará con outra substitución na zona periurbana no vindeiro mes, pretende acompasar a unha sociedade cada vez máis esixente no tratamento dos residuos urbanos e seguir a senda marcada polo programa Efecto PO2 de posicionamento da cidade que centrará a acción municipal no presente mandato.
O Concello, a través da empresa concesionaria Ferrovial Servizos, instalou 15 novos colectores en distintos puntos da zona monumental substituíndo a outros que tiñan esgotada a súa vida útil por diversos motivos, especialmente, polo uso. Esta substitución continuará no mes de novembro coa instalación doutros 10 novos colectores de carga frontal no ámbito periurbano.
Cabe lembrar que a maior parte da recollida de lixo en Pontevedra é de carga lateral (faise polo lado dereito do camión), pero no caso do centro histórico faise con carga frontal porque o camión de recollida de carga lateral non colle polas rúas da zona monumental, o que supón que os colectores sexan máis pequenos.
Ademais, foi unha decisión consensuada co Centro Comercial Aberto Zona Monumental dende hai anos, a instalación dos colectores do centro histórico ben nas rúas perimetrais ou ben en rúas pouco transitadas tratando de mellorar a imaxe visual do centro histórico.
A recente substitución de contedores vén a sumarse á campaña que acaba de pór en marcha a Concellaría de xestión dos residuos recordándolles aos establecementos comerciais deste ámbito (hostalería, comercio, restauración…) o servizo de recollida porta a porta de vidro e cartón/papel, que se vén desenvolvendo por parte da concesionaria dende o ano 2008.
Todas as medidas, e as futuras que a concellaría está a planificar, van encamiñadas a incrementar a participación veciñal na xestión dos residuos na cidade, unha liña de traballo principal no presente mandato a través do programa Efecto PO2.