- Está incluída dentro da obra pública dos fondos do ARI de Estribela, en Lourizán.
- A oferta da empresa é de 68.155 euros e un prazo de execución de 30 días.
A Mesa de Contratación do Concello de Pontevedra adxudicou nestes días a Construcciones Fechi a reurbanización da avenida de Marqués de Valterra, en Estribela por un prezo de adxudicación de 68.155,67 euros e un prazo de execución de 30 días. A reurbanización tiña un prezo de licitación de 96.977,32 euros e un prazo de execución de 3 meses.
A reforma está incluída dentro da obra pública que acompaña aos fondos da Área de Rehabilitación Integral (ARI) de Estribela cos que executa a terceira fase de reurbanización da avenida Marqués de Valterra.
A actuación farase entre os números 93 e 71, e consiste na creación dunha nova beirarrúa con lousas de granito, incorporando o mesmo material no deseño das tapas das arquetas e dos pozos de rexistro.
Tamén está previsto redimensionar e substituír a rede de pluviais, e revisarase a rede de saneamento, facendo os tramos que non existan na actualidade.
A esta licitación presentáranse 24 empresas.