- Xunto ao renovado campo de A Xunqueira I, o de Cerponzóns, o de Campañó e Ponte Sampaio (en obras), o investimento na rede municipal de campos de herba sintética foi de máis de 4 millóns de euros, á espera do de Salcedo.
- O investimento do Concello nestes catro anos en construír ou renovar infraestruturas deportivas municipais achégase aos 12 millóns de euros
O Concello de Pontevedra recibirá esta próxima semana o campo de herba sintética de Gatomorto, na parroquia de Santa María de Xeve, que xa está totalmente rematado. A obra tivo un custe de adxudicación de 859.953,23 euros e foi executada pola empresa Covsa nos últimos sete meses.
O campo de Gatomorto é un dos catro de herba sintética que o Concello está a construír en distintas parroquias do rural, completando as infraestruturas deportivas municipais. Ao de Cerponzóns que xa está en uso, súmase agora o de Gatomorto, e proximamente serán o de Campañó (en estado moi avanzado) e o de Ponte Sampaio cuxas obras retomáronse nestas semanas pero que leva moi bo ritmo de traballo para rematar a obra canto antes.
O Concello investiu tan só nestes catro campos e máis na reforma do da Xunqueira I, máis de 4 millóns de euros, e no futuro sairá a contratación o previsto na parroquia de Salcedo.
A reforma de Gatomorto aproveitou o desmonte que xa existía na parcela do actual campo de fútbol e mantivo as estruturas dos vestiarios que estaban feitos en pedra, pero se reformaron totalmente.
O terreo de xogo de Gatomorto ten 105 m2, unhas dimensións que permite ter un campo de fútbol 11 e dous de fútbol 7. Creáronse catro vestiarios de xogadores e dous vestiarios para árbitros. Botiquín, enfermería e almacén. As entradas de público e xogadores ao campo están segregadas. Tamén ten nova instalación eléctrica e iluminación.
O campo cumpre todos os requisitos esixidos pola FIFA para que poida ser unha instalación de competición oficial.
O investimento completouse con equipamento deportivo como un marcador ou porterías, peche perimetral de todo o campo e mantemento do céspede durante 5 anos, que foi ofertado como melloras ao contrato por parte da empresa, que asume a compañía e que teñen un custe duns 110.000 euros.
Unha das principais liñas de investimento do Concello de Pontevedra neste mandato foi iniciar a renovación e completar as infraestruturas deportivas municipais. Foron case 12 millóns de investimento nas obras máis salientables, ademais de outras máis pequenas de mantemento nas distintas instalacións deportivas municipais.