Search
Close this search box.

Etiqueta Negra, A Feira do Gourmet Galego, volve a Pontevedra o 9, 10 e 11 de novembro

  • Tras o éxito conseguido na pasada edición, o evento volverá a celebrarse no Recinto Feiral de Pontevedra
  • Esta IV edición contará con Estrella Galicia como patrocinador principal

Os días 9, 10 e 11 de novembro de 2019 Pontevedra volverá a converterse no epicentro do gourmet galego coa celebración de Etiqueta Negra.

Profesionais, produtores e consumidores volverán darse cita no Recinto Feiral de Pontevedra co obxectivo de coñecer as tendencias do sector, establecer novos contactos comerciais e difundir a excelencia dos produtos gourmet e delicatessen galegos.

Organizada polo Concello de Pontevedra, Etiqueta Negra é xa unha cita consolidada para empresas e produtores do sector gourmet galego, profesionais da alimentación, da restauración e da distribución así como consumidores que valoran cada día máis o que degustan.

Hoxe o alcalde Miguel Fernández Lores; xunto con Pedro Pastur, responsable de Márketing de Estrella Galicia e a concelleira de Promoción Económica e da Cidade, Anabel Gulías, desvelaron as datas da cita e unha novidade: a marca de cervexa Estrella Galicia convértese no patrocinador principal da feira -e Cabreiroá na auga oficial- na súa aposta por reforzar seu papel como embaixador da gastronomía atlántica por todo o mundo.

Gulías amosou a súa satisfacción por contar, nesta cuarta edición da feira do gourmet galego cun aliado como Estrella Galicia, empresa que dá un paso adiante para apoiar “unha iniciativa coa reputación e traxectoria de Etiqueta Negra” e certa de atopar a maridaxe perfecta, sinalou Pastur.

“Gústanos filosoficamente poñer en valor a nosa cidade, poñer en valor tamén o noso pais e abofé que o estamos conseguindo” engadiu Lores. O alcalde puxo neste marco a consolidación de Etiqueta Negra, unha feira que “é un referente de todo o que se move no gourmet galego, na restauración, nos emprendedores que poñen en valor o noso produto para dentro do país ou para fóra…”

En 2018 participaron un centenar de empresas expositoras, pasaron ao redor de 8.400 persoas ao longo das tres xornadas, e realizáronse preto dun centenar de actividades repartidas entre o Auditorio, o Espazo Etiqueta, a Zona de Catas e a Viñoteca.

Desde a súa posta en marcha, a organización de Etiqueta Negra primou a singularidade, a orixinalidade e a maior calidade das referencias fronte á cantidade de expositores. E así continuará a ser nesta cuarta edición.

A partir de hoxe ábrese a comercialización do espazo feiral para que a edición deste ano volva a converterse nun éxito de asistencia, xere negocio para as empresas participantes e siga contribuíndo a destacar a singularidade, a orixinalidade e a maior calidade dos produtos de Galicia.

Compartir publicación: