Search
Close this search box.

Recibido o Pavillón Multiusos que poderá empregarse dende o vindeiro luns

  • O investimento de case 2 millóns de euros permitiu refacer integramente esta instalación e acondicionala para o século XXI.
  • A obra estivo financiada nun 80% por Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER)

A actividade regresará ao Pavillón Multiusos da Xunqueira o vindeiro luns, 1 de abril. As obras de reforma dunha das principais infraestruturas deportivas municipais das que dispón a cidade xa están rematadas e hoxe foron recibidas oficialmente polos servizos municipais. A partir do luns, os nove clubs que adestran no Pavillón das modalidades de voleibol, balonmán, fútbol sala, veteranos e Xoán XXIII (Teucro, Cisne, Leis, Voleibol Pontevedra, Arxil, Estudantes Pontevedra e O Club de Baloncesto Pontevedra e os equipos da Liga Asfusa), ademais dos nove clubs de fútbol que empregan as instalacións, poderán empregar o Multiusos, que cada fin de semana o empregan arredor de 1.500 deportistas.

A obra do Multiusos foi realizada pola Unión Temporal de Empresas (UTE) Prace-Constructora San Emeterio está ao fronte da reforma do Pavillón Municipal Multiusos da Xunqueira por 1.947.164 euros. 

É o segundo dos proxectos construtivos rematado baixo a financiamento dos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) concedidos á Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integral (EDUSI) de Pontevedra.

O Multiusos foi reformado integralmente. O interior desfíxose case na súa totalidade para dar paso a un polideportivo máis operativo e funcional. Consta de dúas canchas, novas gradas móbiles, maior amplitude de servizos, acceso directo para o alumnado do Instituto Xunqueira II, un ximnasio máis amplo e mellor equipado, vestiarios para o servizo do propio Pavillón como dos campos de fútbol próximos. Estes últimos vestiarios disporán de pizarras tácticas magnéticas.

En total existen un total de 19 vestiarios cunha capacidade media dunhas 20-30 persoas, co que existe unha capacidade de operación cómoda para arredor de 400 deportistas simultaneamente.

O Multiusos ten 24 anos e tiña necesidades de mellora e actualización inaprazables pois aínda que neste tempo fixéronse traballos de mantemento tratando de alongar a súa vida útil, ultimamente presentaba evidentes problemas estruturais, xunto a outros que fixeron necesaria esta reforma integral.

O novo edificio refixo integramente a cuberta con illante térmico até o de agora inexistente e impermeabilizouse dando solución aos problemas de humidade. Instalouse nova carpintería metálica e novo acristalamento específico para acadar ese illamento; renováronse os servizos (electricidade, alumeado Led que permitirá poder practicar deportes nas dúas pistas de forma independente, fontanería, mellora do sistema antiincendios…); renovouse todo o sistema de calor con novas caldeiras; mellora integral da accesibilidade, eliminando as barreiras do edificio e instalando un novo ascensor, e construíndo aseos adaptados para o público.

Fondos FEDER

Polo tanto, a intervención redundará na mellora do desenvolvemento sostible da zona e a sustentabilidade futura da intervención queda garantida, e contribúe a acadar os obxectivos previstos no Programa Operativo de Crecemento Sostible FEDER 2014-2020, e os obxectivos da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado (EDUSI) Máis modelo Pontevedra, coa que o Concello de Pontevedra acadou os fondos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

Novo Pavillón Multiusos da Xunqueira.

Compartir publicación: