Search
Close this search box.

O Concello abre este venres o gran parque infantil de Campolongo cunha festa

  • Comezará ás 17.00 horas con música, globoflexia… e tamén unha merenda infantil.
  • O alcalde visitou esta mañá o remate dos traballos e anunciou que o Concello comezará a traballar xa nun proxecto global de mellora dos espazos libres do parque de Campolongo.

O Concello abrirá o gran parque infantil de Campolongo este venres ás 17.00 horas cunha festa infantil na que non faltará música, paiasos, globoflexia…, ademais dunha merenda de “aniversario” para que os cativos e cativas repoñan forzas durante o tempo de xogo. O convite está aberto a todos os que se queiran achegar até as 20.00 horas.

O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado dos concelleiros Alberto Oubiña e Demetrio Gómez visitaron esta mañá o parque que está practicamente rematado. Será recepcionado polo Concello o venres pola mañá, momento en que se abrirá ao público.

Na súa visita o alcalde salientou a necesidade dun equipamento coma este porque “é unha zona onde vive moita xente”. De feito, atendéronse as demandas das distintas idades infantís creando dous espazos separados de xogos para os máis cativos e para os máis maiores.

Esta intervención no barrio de Campolongo complétase coa ampliación e reforma do complexo deportivo de Campolongo que comezará o vindeiro 1 de abril, segundo teñen acordado o Concello e a propia empresa adxudicataria e concesionaria do servizo, Serviocio-Be One. Esta intervención terá unha duración de seis meses e un orzamento de máis de 5 millóns de euros.

“Estas dúas actuacións piden unha intervención máis global dos espazos libres de Campolongo”, adiantou o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores na visita, quen anunciou que “a obra para os próximos meses será a ampliar esta mellora a todos os espazos libres de Campolongo: zonas verdes, viais, mobiliario urbano, é dicir, unha actuación completa no barrio de Campolongo, integrando os dous parques infantís, cambiando o mobiliario urbano…”. Afirmou o alcalde que o Concello comezará a traballar xa neste proxecto.

A visita coincidiu co traballo de tala de varios exemplares de árbores do parque que estaban enfermos e eran perigosos para os veciños. Precisamente, este proxecto global permitirá determinar as novas plantacións e as súas localizacións, no caso de que sexa necesario plantar máis árbores.

O gran parque infantil de Campolongo

O parque de Campolongo foi adxudicado á empresa HPC Ibérica por 272.515,66 euros (o prezo de licitación era de 300.000 euros). Sitúase entre o paseo cuberto do Gafos, a Escola infantil Crespo Rivas e o complexo deportivo de Campolongo, que estará en obra a partir do 1 de abril. Ten unha superficie de 930 metros cadrados e está dividida en tres zonas diferenciadas:

  • Unha para nenos menores de 6 anos, equipada con bambáns básicos de berce e inclusivos, un xogo combinado inclusivo como casiñas, tobogán, mesas de texturas…; un carrusel deseño para poder entrar cunha cadeira de rodas, un trampolín, un xogo de resorte con dous postos (vis a vis); dous teléfonos que permiten aos nenos situarse a unha distancia de até 25 metros; e un sendeiro de texturas.
  • A segunda zona está pensada para a espera dos acompañantes. Está equipado cunha mesa de tenis de mesa, e outras dúas con xogos fixos de parchís e xadrez. Nesta zona tamén hai bancos e unha fonte.
  • A última zona é a dos rapaces maiores de 6 anos,cunha torreta de seis metros e medio de altura con distintos tobogáns, cestas, zonas de trepa; unha tirolina; bambáns planos, de cesta e inclusivos.

O parque de Campolongo será, tal vez, o máis importante que teña a cidade. Foi unha decisión do Concello o de elixir este barrio para este novo equipamento infantil dado que é un dos barrios da cidade máis poboados e con maior poboación infantil, e só conta co parque do Cogomelo.

A seguinte área infantil nova na que traballa o Concello é a de Médico Ballina, que xa se atopa en contratación por 175.000 euros.

Compartir publicación: