- A recente regulación de zonas 30 nas cidades, un primeiro paso para que o normal no espazo urbano sexa esa limitación.
- Lores: “É un pracer axudar a que as cidades sexan máis das persoas”.
O diagnóstico de que o exceso de coches nas cidades é o principal freo á mellora do espazo público e a seguridade viaria foi compartido esta mañá na xuntanza que o director xeral de Tráfico, Pere Navarro, mantivo co presidente e a secretaría técnica da Rede de Cidades que Camiñan, Miguel Anxo Fernández Lores e Ana Montalbán. Acompañaban ao director dous dos seus principais colaboradores, Miguel Villalba e Álvaro Gómez.
Era a carta de presentación da Rede ante a DGT en vistas a colaborar nas reformas legais necesarias para a consideración do peón como protagonista principal do espazo público urbano, limitando o espazo urbano motorizado exclusivamente aos usos necesarios para que a cidade funcione, deixando para os peóns os espazos que agora ocupan os coches que inútilmente invaden as cidades.
O director xeral confiou en que camiñar era o sistema de desprazamento que máis adeptos gaña na actualidade, de tal maneira que está creando tendencia en canto á mobilidade, e para iso hai que mellorar moitas cousas nas cidades, como os sistemas de aparcamento e as velocidades. Neste sentido, considerou que a recente normativa de reducir a 30 km/h máximo a maioría das vías urbanas era “o primeiro paso”, necesario para chegar a conseguir as cidades 30 que reclama a Rede —que o normal sexa 30, con algunha excepción que poda definirse para pemitir 50 km/h como máximo—.



En declaracións posteriores aos medios, o presidente da RCqC e alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores, dixo que resultaba moi positivo para a cidade “ir por diante demostrando que as cidades poden ser doutra forma, que é posible recuperar a calidade urbana para vivir mellor, e axudar a que todas as cidades do estado sexan máis para as persoas que para os coches”.