- Supòn unha inxección de 470.000 euros e enmárcase no protocolo marco de colaboración asinado ao inicio do mandato que ten no respecto á autonomía municipal un das súas marcas de identidade
- Haberá máis convenios, sinalan Lores e Silva que xa teñen no horizonte as vías perimetrais de Montecelo e o despregue dos composteiros individuais nas parroquias
- O convenio financiará, entre outras citas, o Surfing The Lérez, Sete Falares, A Festa dos Libros ou Itineranta
O alcalde Miguel Fernández Lores e a presidenta provincial, Carmela Silva, asinaron hoxe un novo convenio de colaboración Concello-Deputación, neste caso, para o desenvolvemento de actividades artísticas, culturais e de promoción da cidade de Pontevedra. A institución provincial achegará para o desenvolvemento destas actividades unha partida bianual de 471.676,29 euros: 277.456,74 para o exercicio 2018 e 194.219,55 para o 2019.
O convenio fase ao abeiro do acordo marco de colaboración asinado polas dúas institucións ao inicio do mandato e que xa deu cobertura, como lembrou a presidenta Carmela Silva, as seguintes actuacións: obras de mellora da rede viaria de cidade, saneamento en Mourente e Bora, saneamento no río Gafos, herba sintética no campo de fútbol de Cerponzóns e Santa María de Xeve, o acceso a Monte Porreiro, o centro social do Burgo, o campo de fútbol de Campañó e Ponte Sampaio, a rolda leste (que xa viña de acordos anteriores) e o acceso a Príncipe Felipe… e “haberá máis”.
Miguel Fernández Lores declarouse “orgulloso” da relación que manteñen as dúas institucións “que benefician dun xeito claro aos cidadáns de Pontevedra” pois dende que
acordaron o protocolo marco de colaboración “foron moitos os convenios asinados, cunha inversión moi potente e certa axilidade”. Ademais, subliñou Lores, “é o Concello quen decide onde se inviste”. Un respecto á autonomía municipal que tamén subliñou Carmela Silva.
O convenio asinado permitirá financiar as seguintes actividades:
Ano 2018
- Urbtopías
- Experimenta e acción
- Murais María Victoria Moreno
- Surfing The Lérez
- Sete Falares
- Novos Cinemas
- Paseantes
- Itineranta
- Festa dos Libros
- Aña Urbana
Ano 2019
- Surfing The Lérez
- Sete Falares
- Novos Cinemas
- Paseantes
- Itineranta
- Festa dos Libros
- Pontevedra. Unha cidade no século XXI
- Cabos Soltos
O alcalde e a presidenta provincial concordaron en sinalar que haberá novos convenios de colaboración de aquí a que remate o mandato. “O alcalde xa ten na cabeza novas propostas de cara ao orzamento 2019” sinalou Carmela Silva, o que foi corroborado por Lores quen apuntou como próximos proxectos de colaboración Concello-Deputación, entre outros: as vías perimentrais de Montecelo e o seguimento do despregue dos composteiros individuais en todas as parroquias de Pontevedra.
convenio actividades artisticas, culturais e promocion cidade