-
- A Mesa de Contratación do Concello de Pontevedra aprobou nestes días investimentos por máis de 400.000 euros
- Covsa será a encargada de realizar a mellora da seguranza peonil na N-550; e E.C.Casas, o saneamento do Ramallás.
- Tamén se adxudicou o vestiario das Brigadas municipais.
A Mesa de Contratación do Concello de Pontevedra aprobou nestes días a adxudicación de catro novos contratos por valor de máis de 400.000 euros, entre eles a reforma de Benito Corbal, no treito entre a Cobián Areal e Sagasta. Tamén se adxudicaron o saneamento do Ramallás, a mellora da seguranza peonil na N-550 ao seu paso por Lérez, e o vestiario do persoal das brigadas municipais.
A empresa E.C.Casas foi a adxudicataria da reforma da rúa Benito Corbal cunha oferta de 147.587,89 euros. Ademais do proxecto, presentou como melloras dos pregos: 4 farois, 6 papeleiras, 6 bancos e 10 aparcabicis. O prazo de execución é de 4 meses.
A obra, á que se presentaron 22 construtoras, pretende primar a mobilidade peonil confinando ao vehículo privado a un carril e ampliando as beirarrúas a catro metros de ancho; deixando a franxa de estacionamentos na marxe dereita, seguindo o sentido de circulación.
Mellora da seguranza peonil na N-550
Tamén a Mesa de Contratación aprobou a mellora da mobilidade peonil na estrada N-550 na parroquia de Lérez. Foi adxudicada á empresa Covsa por valor de 156.059,65 euros e un prazo de execución de 4 meses.
O proxecto pretende facilitar a mobilidade peonil en ambas beiras desta vía, e atender ás peticións veciñais.
Cabe lembrar que se trata dunha estrada de Fomento, que non autorizou á instalación de pasos sobreelevados, pero si permite que o Concello instale semáforos para garantir os cruces dos veciños en tres puntos, todos eles pasada a rotonda da avenida de Compostela con Médico Ballina.
Un dos puntos é o cruce do Ramallás coa Ferreira; outro en Casaldourado con A Cendona e un último punto á altura da marquesiña do transporte público.
Sumidoiros do Ramallás
A terceira das obras adxudicadas nestes días pola Mesa de Contratación do Concello de Pontevedra foi a rede de sumidoiros e pluviais no Ramallás. Foi adxudicada á empresa E.C.Casas por 72.484 euros e un prazo de execución de 4 meses. Como melloras, a construtora ofertou 400 metros máis de asfaltado de refacer a beirarrúa existente.
Ademais, a Mesa de Contratación aprobou a adxudicación á empresa Suministros Punto Fijo S.L. do vestiario do persoal das Brigadas municipais, por un prazo de 2 anos. O custe é de 43.976,24 Euros. Esta empresa rebaixou a data de entrega que fixaba o prego, pasando de 45 días a 20 días dende a medición.