-
- De luns a xoves, as terrazas poderán estar instaladas até as 02.00 horas, e de venres a domingo, e festivos, até as 02.30 horas.
- Esta opción ábrese logo do cumprimento xeral da modificación da Ordenanza de veladores por parte da hostalería, especialmente no centro histórico.
A Concellaría de Promoción da Cidade, de común acordo coa Federación de Veciños Castelao, Zona Monumental e a Asociación de Hostaleiros de Pontevedra acordou o pasado 23 de xullo a ampliación do horario de terrazas durante este verán. Ao amparo da modificación da Ordenanza de veladores, a concelleira Anabel Gulías acordou outorgar media hora máis de luns a xoves, e até ás 02.30 horas de venres a domingo, e festivos.
Cabe lembrar que a Ordenanza de veladores de 1997 contemplaba tres tipos de horarios de veladores en función da licenza da que dispuxera o local. Uns eran até as 00.00, outros até ás 00.30 horas e outros até a 01.00 horas. A modificación da Ordenanza aprobada o pasado mes de marzo permitiu unificar o horario para todos os establecementos e amplialo até ás 01.30 horas, todos os días do ano.
A concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías explicou que o sector non está a ter un verán moi bo, polo que logo de manter conversas cos hostaleiros e veciños, acordouse ampliar este horario durante o verán (esta ampliación rematará o 2 de setembro). De luns a xoves amplíase media hora máis, até as 02.00 horas, e de venres a domingo e festivos outra media hora, é dicir, até ás 02.30 horas.
Anabel Gulías agradeceu o consenso acadado neste punto, especialmente aos veciños, que se amosaron dispostos a estudar de cara ao vindeiro ano unha ampliación, incluso maior, da agora acordada.
Tamén quixo lembrar que esta opción de ampliar o horario de veladores dáse porque os hostaleiros -con carácter xeral- están a cumprir a modificación da ordenanza no relativo aos toldos laterais e ás lousas informativas na rúa; especialmente no centro histórico, pero tamén no resto da cidade onde xa se están a facer inspeccións.