O Memorial Ricardo Portela homenaxea por vez primeira a unha muller: a Maruxa das Cortellas (María Grande Sobral)

  • Esta veciña de Soutomaior é unha das mellores tocadoras de pandeiro do país e interesouse polo xeito de tocar nas antigas aldeas 
  • A música tradicional encherá as prazas e rúas da cidade os días 13 e 14 de xullo da man do Memorial adicado ao gaiteiro de Viascón
  • A praza da Ferrería será o epicentro da encontro, o escenario dos concertos de Donicelas (día 13) e TNT (14), da homenaxe a María Grande (día 14) e da XVI Mostra de Artesáns de Instrumentos Tradicionais

O Memorial Ricardo Portela renderá homenaxe por vez primeira a unha muller: María Grande Sobral, Maruxa das Cortellas. Esta veciña de Soutomaior é “unha das grandes tocadoras de pandeiro do país” subliñou a concelleira de Festas, Carme da Silva durante a presentación do Memorial e “a única muller da súa xeración que se interesou polo xeito de tocar das persoas maiores nas aldeas”.

Da Silva amosou a súa satisfacción polo feito de que sexa unha muller a homenaxeada, xa que ademais dos sobrados méritos como instrumentista e divulgadora da nosa tradición musical que ten, axudará a visibilizar as mulleres nun eido no que están ocultas agás no seu rol de cantareiras.

Carme da Silva, xunto cos portavoces da Asociación de Gaiteiros Galegos, deu a coñecer hoxe a intensa programación do Memorial Ricardo Portela que, un ano máis, terá o seu epicentro na praza da Ferrería (escenario da Mostra de artesáns de instrumentos musicais- e volverá a encher de música tradicional as prazas e rúas da cidade. A cita que leva o nome do Gaiteiro de Viascón será os días 13 e 14 de xullo e métenos de cheo nas festas de verán da cidade que comezarán dous días antes coa tradional romaría de San Bieito de Lérez.

Os Gaiteiros das Rías Baixas, Pola Vila, Os Revoltos, Os Asubios, e Os Boucisca, o venres 13 e AC Picuíña, Os Mecos de Ogrove, Os Picurruchos, O Gaiteiro de Poio e Lubicáns, o sábado 14, serán os grupos protagonistas dos pasarrúas que percorrerán a cidade

Pola súa banda Donicelas e TNT serán os protagonistas dos dous concertos programados ao abeiro do Memorial o día 13 (21.00 horas) e 14 (ás 21.15 horas). Será xusto antes do concerto-peche do ciclo Ricardo Portela cando se renderá homenaxe a María Grande.

 

Compartir publicación: