Apego, Vitoria Ogando e Anxo González Guerra e a Galipedia, Premios Xoán Manuel Pintos-2018

  •  Entregaranse nun acto público, o xoves 15 de marzo, ás 20.30 horas, no Pazo de Mugartegui
  • Os galardoados traballan o orgullo, o prestixio da lingua

O concelleiro de Normalización Lingúística, Alberto Oubiña, deu a coñecer hoxe aos gañadores/as do Premio Xoán Manuel Pintos, nas súas tres categorías: ao labor desenvolto nos dous últimos anos; ao traballo de xeito continuado dunha traxectoria vital e profesional e o do público (novidade deste ano). Os premios entregaranse no transcurso dun acto público o xoves 15 de marzo de 2018, no Pazo de Mugartegui, ás 20.30 horas.

Os gañadores/as son:

  • Premio ao labor desenvolto desde a última edición ao programa Apego, porque consegue sumar a miles de familias para que sexan activas na transmisión da lingua galega desde o berce, como lingua inicial das súas fillas e dos seus fillos.
  • O premio ao traballo de xeito continuado ao longo de toda a traxectoria vital e profesional, para Vitoria Ogando e Anxo González Guerra. Ambos os dous son profesores de lingua e literatura galega que desenvolveron os seus anos de docencia en Pontevedra, transmitindo a ducias de xeracións de estudantes o seu amor pola lingua e o orgullo de termos lingua, historia e cultura propias. Xuntos crearon materiais para a aprendizaxe da lingua, primeiro en papel e despois desde a Rede como a páxina web ogalego.gal.
  • O premio elixido entre as propostas presentadas pola cidadanía foi para Galipedia, a enciclopedia libre en galego pola súa promoción e normalización da lingua galega.

    O xurado dos Xoán Mnauel Pintos estivo formado por Alberto Oubiña, concelleiro de Normalización Lingüística; Beatriz Campos, de Migallas Teatro e Luís Davila, premios Xoán Manuel Pintos no ano 2016; José Luís Rodríguez, representante da asociación cultural Os de Algures; Begoña Mayo, representante da asociación de veciños Eduardo Pondal; Elena Gallego Abad, representante do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia; Jorge Potel, representante do ENL do IES A Xunqueira II; Beatriz Corral Sánchez, representante da Administración autonómica- SXPL, e Concepción Cochón, técnica de normalización lingüística no Concello de Pontevedra.

    O Concello de Pontevedra convoca o premio Xoán Manuel Pintos co fin de facer recoñecemento público ao labor de impulso do uso da lingua galega e, ao mesmo tempo, manter viva a memoria do xurista e escritor Xoán Manuel Pintos, figura central do Rexurdimento e un dos pioneiros no compromiso coa defensa da lingua galega.

    Acta PXMP

Compartir publicación: