Search
Close this search box.

“Invisibles”, sete vítimas da violencia machista no centro da campaña municipal do 25-N

  • O Teatro Principal acollerá a presentación do libro de Montse Fajardo que guiará a reflexión sobre o maltrato, o inferno no que calquera muller pode caer

O Teatro Principal acollerá mañá 22 de novembro, ás 20.00 horas, a presentación do libro “Invisibles” da escritora e periodista Montse Fajardo, no que será o acto central da campaña do 25-N – Día Mundial contra a violencia de xénero- que o Concello organiza cada ano co obxectivo de poñer o foco, debater e reflexionar arredor da violencia machista. A presentación do libro estará arroupada pola música de Eladio Santos e Gaudi Galego

“Invisibles” recolle sete historias de maltrato, sete historias de mulleres vítimas da violencia de xénero -superviventes ou non- coas que “se quere visibilizar o invisible”, segundo indicou a concelleira de Igualdade, Carme Fouces durante a presentación aos medios do libro, na que estivo acompañada pola autora e polo alcalde Miguel Fernández Lores.

Carme Fouces subliñou que o traballo desenvolvido para chegar a “Invisibles” amosa que: “non hai un patrón para estar nese inferno”, calquera muller pode acabar sendo unha muller maltratada; que chegou a hora de poñer o foco sobre os agresores e non só sobre as vítimas, sobre a comprensión social que aínda xustifica a certo tipo de violencia contra as mulleres e que é necesario reflexionar sobre a actitude das persoas que están arredor das vítimas e dun xeito especial das que se posicionan (por relación persoal, profesional, familiar…) ao carón dos agresores.

“As sete historias son exemplos do que acontece” subliñou a concelleira de Igualdade. Un resume que asume a autora do libro.

Montse Fajardo deu as grazas as sete mulleres que puxeron a súa historia a dispor dunha obra coa que se fai un percorrido polos distintos tipos de maltrato (físico, psicolóxico, afastamento da contorna….) e ao Concello polo seu compromiso no combate contra o machismo e a prol da igualdade. A escritora indicou que tamén quixo por o foco na descendencia das vítimas da violencia de xénero “na viaxe ao terror das nenas e nenos que teñen que pasar tempo ou convivir cos pais maltratadores”.

Pola súa banda, Miguel Fernández Lores apuntou que “levamos séculos vivindo nunha sociedade machista, na que violencia contras as mulleres repítese a aínda así se non tes relación directa con persoas maltratadas….pasa desapercibido”. O alcalde agarda que o libro sirva para botar luz sobre o sufrimento das mulleres, sobre o maltrato e a problemática que hai arredor. Hai que loitar para rachar con esta lacra, e obriga de todas e todos construír unha sociedade máis xusta, democrática e igualitaria, engadiu..

O Concello de Pontevedra adquiriu un lote de “Invisibles” de Montse Fajardo para distribuír o libro polos centros educativos e sociais. A obra estará a venta nas librerías a partir do 24 de novembro.

Compartir publicación: