O Concello inicia os contactos veciñais para confeccionar o orzamento de 2018

    • Raimundo González reuniuse esta tarde coas Federacións de Asociacións de Veciños.
    • A Concellaría pretende ter un borrador dos orzamentos dentro de quince días para pasarllos aos grupos municipais.
    • As contas provisionais ascenden a 74 millóns de euros

O Concello de Pontevedra xa traballa no proxecto de Orzamentos de 2018 que chegará aos 74 millóns de euros, segundo os primeiros datos cos que traballa o Goberno Local. O concelleiro de Economía, Raimundo González avanzou esta mañá que están pendentes de confirmar cales serán as transferencias do Estado e tamén cal debe ser o incremento salarial para os funcionarios. Pendente dos datos definitivos, o concelleiro de Economía adiantou que se consignarán os ingresos do Estado de 2017 e un incremento para o persoal, de 1,5%.

Esta mesma tarde, Raimundo González e a alcaldesa en funcións, Carme da Silva reuníronse coas Federacións de Asociacións de Veciños de Pontevedra para informarlles do inicio deste proxecto de Orzamentos e pedirlles a súa participación activa. Ao igual que o irán facendo os concelleiros delegados das parroquias nos respectivos Consellos parroquiais.

Na segunda semana de novembro, o Goberno ten previsto ter o primeiro borrador de orzamentos, coa incorporación xa das propostas veciñais. A partir dese momento, trasladaráselles aos grupos municipais, coa idea de poder celebrar un pleno na primeira semana de decembro.

Raimundo González adiantou que é intención do Goberno manter unha comunicación preferente co Grupo municipal Marea xa que apoiou o orzamento vixente. Asegurou que “mantemos conversas todas as semanas”, e confirmou que tentará levar a reforma da ordenanza de Emerxencia Social no mes de novembro. Ao tempo, tamén se tramitará a ordenanza da Renda Social, para a que se cursou unha petición á Xunta de Galicia para determinar a cuestión competencial, e determinar se o Concello pode facer o pago desas axudas.

A expensas dos datos definitivos, Raimundo González adiantou que o capítulo de persoal será de 21,8 millóns, incrementando un 0,5%, debido ao incremento salarial. O Gasto corrente tamén incrementa 600.000 euros, até os 31.460.000 euros debido á subida do Servizo de Axuda a Domicilio (SAF).

Os intereses serán de 350.000 euros, e a amortización de crédito de 2.350.000 euros. As transferencias do Concello incrementarán en 100.000 euros para o Pazo da Cultura, situándose con carácter xeral en 4.450.000 euros.

O capítulo de investimentos será similar a 2017 cuns 12,8 millóns de euros e as transferencias serán de 350.000 euros.

Non se inclúen nos orzamentos municipais das contías do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), xa que aínda están sen confirmar polo Goberno central.

Compartir publicación: