Gulías: “Pontevedra aprendeu de todos pero non copiou de ninguén”

  • A concelleira de Promoción da Cidade falou da peonalización nunha xornada de mobilidade sostible en Granada

“Mercar sen coches é máis agradable e máis rendible”. Así o dixo o secretario do Centro Comercial (CCU) Zona Monumental en Granada, Ernesto Filgueira, onde participou coa concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, nunha conferencia internacional organizada pola Axencia de Enerxía de Granada, da Deputación provincial.

Comezou a concelleira Anabel Gulías expoñendo polo miúdo os pasos que foi dando Pontevedra para dispor do novo modelo de mobilidade, sempre primando ás persoas sobre os coches, e “aprendendo de todos e sen imitar a ninguén en concreto”.

Unha intervención que, como é frecuente nas saídas que se realizan para falar do modelo urbano, foi encomiada polo resto dos poñentes incluso polas presenzas internacionais, xa que se trata dunha convocatoria enmarcada nun proxecto europeo.

As cuestións que se formularon por parte dos presentes tiveron que ver coa participación veciñal, pola posible existencia de incentivos fiscais, por outros modelos ou polo control dos estacionamentos tanto referido aos de borde como aos de servizos do centro, cuestións que tamén solen repetirse neste tipo de encontros aos que acoden técnicos en mobilidade de distintos concellos, neste caso da provincia granadina.

Filgueira, pola súa parte, relatou os medos e tamén “as ameazas” que expresaban algunhas persoas cando comezou o proceso de peonalización do centro histórico, profundando en certas cuestións relacionadas coa participación e os procesos que se levaron a cabo especialmente nos primeiros anos da reforma urbana.

Compartir publicación: