O Concello de Pontevedra solicita a Costas do Estado a desafectación de varias parcelas situadas en dominio marítimo-terrestre e na actualidade ocupadas por equipamentos educativos, deportivos, espazos verdes ou viais na zona da Xunqueira para normalizar a situación administrativa destas parcelas e facilitar as actuacións que haxa que levar adiante no futuro.
O portavoz do Goberno local, Raimundo González, sinalou que “o fin e regularizar a situación das distintas administracións: Concello, Xunta e Universidade“, polo que a solicitude está falada con todas elas. Tamén con Costas, de entrada receptiva á desafectación.
“Son terreos ocupados materialmente” por equipamentos dende hai décadas e “que non mudarán de uso” engadiu o portavoz do Goberno local.
Pídese a desafectación das seguintes parcelas:
- a do Pavillón municipal de deportes
- o tramo da avenida de Compostela que vai da ponte de Santiago ao pavillón
- un pequeno trozo do parque Rosalía de Castro
- rúa Xoán Manuel Pintos
- o aparcadoiro fronte ao pavillón, onde estivera no seu día o mercado provisional
- rúa Ceslo Emilio Ferreiro
- a ocupada polo CEIP A Xunqueira 1
- a da Escola Oficial de Idiomas
- a do Centro de formación do profesorado
- a dos IES A Xunqueira 2 e espazos deportivos
- a do Multiusos municipal
- as dos campos de fútbol
- a da Escola de Forestais
- un espazo verde ao fondo do campus
A solicitude de desafectación inicia o proceso da tramitación cara o cambio de titularidade das parcelas, que inclúe un período de exposición pública para a presentación de posíbeis reclamacións. O concelleiro portavoz do Goberno local calcula que todo o proceso pode tardar arredor dun ano.