O Concello xa conta co proxecto de reforma do Campo de fútbol de Cerponzóns, en Chan do Monte, que permitirá crear unha instalación deportiva de primeira categoría para uso de todo o Concello. Esta obra está enmarcada dentro do plan de renovación e construción de novas infraestruturas do Concello no que se atopan proxectos como a reforma da cuberta do Pavillón Municipal, a o Pavillón da Parda, a reforma do campo de fútbol de A Xunqueira, o campo de fútbol de Salcedo ou o de Gatomorte, en Xeve, entre outros.
O terreo de xogo terá unha superficie de 105×63 metros, é dicir, permitirá a creación dun campo de fútbol 11 e dous campos de fútbol 7. Crearase con materiais recomendados pola FIFA para poder seren utilizados en competicións oficiais, igual que o que se está a instalar na Xunqueira.
O complexo tamén disporá de dous edificios: un será o dos vestiarios, xa que está previsto derrubar as actuales instalacións. Este terá 392 metros cadrados con catro vestiarios para xogadores, dous para árbitros, enfermería e almacén para aparellos de fútbol, limpeza e outros elementos. Tamén disporá dunha sala de instalacións.
Construirase un segundo edificio -máis pequeno- que substituirá á cantina que tamén se derrubará. Terá aseos e novos accesos.
Serán edificios de liñas rectas, sinxelos, de formigón sen que destaquen demasiado para que non invadan a paisaxe espectacular. Levarán unha parede de vidro, que será a que da ao campo. E todo o edificio estará recuberto dunha celosía metálica que impide a visión de fóra cara adentro. Permitirá a entrada da luz durante o día, e facer del un edificio eficiente durante a noite.
O tellado será de pedra granítica transitable.
Sepárase o acceso dos deportistas e do público e o complexo terá auga quente dunha caldeira de biomasa.
O orzamento do campo de fútbol é de 1.027.893 euros, sendo as partidas do campo e da iluminación as máis elevadas.
Este novo campo é froito da intensa colaboración de todas as entidades da parroquia, especialmente dos propietarios do campo, así como o Instituto Municipal de Deportes que definiu algunhas das necesidades da instalación.
A construcción do campo de fútbol pretende consolidar este núcleo de centralidade parroquial, será un punto de atracción deportiva e quere ser unha instalación rendíbel social e economicamente.
Os servizos municipais xa teñen orde de iniciar todo o proceso administrativo para a contratación do proxecto, que podería ter un prazo de seis meses de execución.