Comeza a retirada da vella cuberta do Pavillón Municipal dos Deportes

    • Até finais de agosto retirarase a vella cuberta e instalarase a nova. Logo, farase unha limpeza xeral e colocarase a nova iluminación

O Concello de Pontevedra iniciou onte a retirada dos primeiros paneis da cuberta do Pavillón Municipal, unha vez que se rematou a limpeza e pintado das cerchas da instalación. Polo de agora vanse cumprindos os prazos da obra, polo que de seguir así a finais do mes de agosto o Pavillón estaría listo para acometer unha limpeza xeral e colocar a nova iluminación.

O pasado xoves rematáronse os traballos de limpeza e pintado das cerchas da cuberta, que era un dos traballos previos á substitución da cuberta (e unha das melloras da adxudicación do proxecto).

Na mañá do luns instalouse unha grúa de grandes dimensións na parte traseira do Pavillón e xa pola tarde comezaron a retirar algúns dos paneis do teito. Ao longo deste mes e medio (até finais de agosto ou primeiros de setembro) farase todo o traballo de retirada e instalación da nova cuberta.

Desde onte toda a actividade deportiva no Pavillón está parada, agás as oficinas municipais.

Cabe lembrar que a obra do Pavillón Municipal dos Deportes é un dos proxectos estrela da Concellaría de Deportes para este mandato xunto a outros de grande envergadura como a construción do novo Pavillón da Parda, a reforma do Campo de herba sintética da Xunqueira, ou a construción de novos campos de herba sintética no rural.

A empresa encargada de substituír a cuberta do Pavillón é Goméz Crespo Obras e Servizos S.L. por 605.951,06 euros. O proxecto tiña un orzamento de licitación de 690.792,47 euros, pretende recuperar a cuberta planificada polo arquitecto Alejandro de la Sota no ano 1964.

A empresa achegou melloras ao proxecto como o pintado das cerchas valoradas nuns 65.000 euros, e a renovación da iluminación da pista por uns 50.000 euros.

Compartir publicación: