A Xunta de Goberno Local acordou esta mañá realizar e impulsar todas as actuacións e trámites necesarios para que se poida licitar e adxudicar no menor tempo posible o contrato de construción e explotación da obra de reforma e ampliación da piscina municipal de Campolongo; e tamén instar a todas as unidades administrativas a que realicen os trámites administrativos correspondentes a este expediente no prazo máis breve posible.
Nesta Xunta de Goberno deuse conta do Plan de Viabilidade no que figuran -entre outros- os seguintes datos:
- O custe -con IVE- da explotación do centro é de 3.857.404 euros, dos cales 3,6 millóns é para a reforma do centro deportivo e 250.000 euros para equipamentos (deportivos, informáticos, de limpeza…). Segundo o estudo, autorízase a solicitar un préstemo de só o 50% do custe a 12 anos.
- As obras de ampliación son, basicamente, a ampliación e reforma do sótano do centro coa creación dunha sala de 505 metros cadrados útiles, e outras tres de: 118 metros cadrados, 180 metros cadrados e 131 metros cadrados. Tamén se habilitará unha sala na planta de acceso de 138 metros cadrados.
- No plan contémplase a renovación dos equipos de calefacción, depuración, chans, cuberta da piscina, saneamento do forxado do teito do complexo, e a intalación dun ascensor e outros elementos para resolver os problemas de accesibilidade da instalación.
- No tocante ao escenario económico, está previsto manter as tarifas actuais incluso poder baixalas un 12%, xa que se entendeu que o handicap do anterior concurso -que quedo deserto- foi o elevado incremento das tarifas (entradas e abanos).
- A amortización, inicialmente, está a 40 anos
- E as obras terían un período de execución de 6 meses.
Nos próximos días sairá publicado oficialmente o Plan de Viabilidade que terá un período de exposición pública para logo, ser aprobado. A continuación someterase a exposición pública o anteproxecto das piscinas que tamén ten que ser aprobado. Dende aí abrirase todo o proceso de licitación do complexo.
O portavoz do Goberno, Raimundo González indicou que os prazos administrativos poderanse demorar entre seis e oito meses.