Os rapaces de 5º e 6º de Primaria dos centros de ensino do concello xa teñen rematado o Cartafol do Lérez, que comezará a repartirse mañá, xoves, nos colexios. Esta iniciativa tenta dar un paso máis no camiño de achegamento dos nenos e nenas ao libro e á lectura reforzando o papel das bibliotecas escolares como espazo vertebrador e fundamental neste proceso.
Nesta edición participaron 633 alumnos que traballaron ao longo do curso a través de actividades e obradoiros realizados nas bibliotecas escolares. Os centros de ensino participantes no proxecto foron:
- CEIP Froebel
- CEIP San Martiño
- CEIP A Carballeira
- CEIP Parada – Campañó
- CEIP Santo André de Xeve
- CEIP Marcón
- CEIP Ponte Sampaio
- CEIP Vilaverde
- CEIP Álvarez Limeses
- CEIP A Xunqueira II
- CEIP San Benito de Lérez
- CEP Marcos da Portela
“O cartafol do Lérez” (www.ocartafoldolerez.org) é un medio de comunicación e intercambio entre as distintas bibliotecas, os seus usuarios e a sociedade en xeral. Este blog xa está en funcionamento e pódense ver as actividades realizadas nas edicións anteriores.
“O cartafol do Lérez” tamén está publicado en formato papel e agora será distribuído entre toda a poboación escolar de Pontevedra de educación infantil e primaria, reflectindo os traballos dos diferentes obradoiros e que servirán de escaparate e de recoñecemento ao traballo realizado polas diferentes bibliotecas escolares.