Espertar o interese polo mundo da ciencia e a investigación en Primaria é o obxectivo central de Pontenciencia, un programa promovido pola Concellería de Educación xunto coa Vicerreitoría do campus que levará a máis de 300 escolares a desenvolver os seus propios experimentos científicos, que os días 3 e 4 de xuño presentarán na Escola de Enxeñaría Forestal. Esta experiencia chega este ano á súa terceira edición e está financiado pola Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT), dependente do Ministerio de Economía y Competitividad.
Pontenciencia arranca con obradoiros de formación no método científico aos escolares de 5º e 6 º Educación Primaria, e ás familias que queiran participar cos seus fillos/as de educación primaria (7-12 anos). Poderán aprender unha metodoloxía de investigación aplicable a calquera ámbito social, económico ou ambiental.
Paralelamente, constitúense comités científicos, formados por mestres/as e investigadores das Facultades do Campus de Pontevedra da Universidade de Vigo, que aportan propostas de investigación a disposición dos participantes.
A continuación, cada participante realizará o seu proxecto de investigación, co apoio e a supervisión necesarias. Poderase participar na categoría Ciencia no cole ou ben Ciencia en familia.
Finalmente poderán presentar o resultado das súas investigacións en Pontenciencia: Feira da miniciencia, e se o desexan participar na fase de concurso do Premio Pontenciencia.
O proxecto
Os comités científicos teñen como función facer propostas temáticas de investigación aos participantes. As propostas que presenta cada comité están fundamentadas e documentadas de modo que facilitan a comprensión e participación dos escolares.
A constitución dos comités científicos realizouse no mes de xaneiro e contamos con representación de 6 centros:
- Escola Universitaria de Enxeñería Técnica Forestal
- Escola Universitaria de Fisioterapia
- Facultade de Belas Artes
- Facultade de Ciencias da Educación de do Deporte
- Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación
- Centro universitario de defensa. Escola Naval Militar (adscrita á Universidade de Vigo)
Os comités están a elaborar as súas propostas, pero xa están aprobadas:
- A biodiversidade e os eucaliptos. Adolfo Cordero Rivera. EUET Forestal.
- A fauna das praias. Adolfo Cordero Rivera. EUET Forestal.
- O medio físico. Antonio M. De Ron. Misión Biolóxica de Galicia- CSIC
- Elaboración de perfumes caseiros. Rocío Maceiras Castro. Centro Universitario da Defensa- Escuela Naval Militar
- Fabricación de cristais. Rocío Maceiras Castro. Centro Universitario da Defensa- Escuela Naval Militar.
- Construción dunha planta de desalinización solar. Víctor Alfonsín Pérez. Centro Universitario da Defensa- Escuela Naval Militar
- Purificación de auga mediante o emprego de plantas. Víctor Alfonsín Pérez. Centro Universitario da Defensa- Escuela Naval Militar
- Construción dun periscopio. Víctor Alfonsín Pérez. Centro Universitario da Defensa- Escuela Naval Militar
- “Que cor che gusta máis… comer?. Marta Fariña Rodríguez. Facultade de Belas Artes.
- Investigando na cociña. Luisa Martínez Lorenzo. Unidade de Cultura Científica CSIC.
- A auga e as propiedades físicas dos solos. Purificación Marcet Miramontes. EUET Forestal.
- Ler a cidade. Formas, letras e algo máis na túa cidade. Iziar Ezquieta Llamas. Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte.
Obradoiros de método de investigación
Os obradoiros de método de investigación realizáronse nos centros educativos dirixidos aos escolares de 5º e 6º de educación primaria, e na sede da FANPA dirixidos ás familias.
O obxectivo era explicarlles como realizar unha investigación, o protocolo a seguir de maneira lóxica e organizada e como conseguir que os resultados sexan reproducibles e confiables. Ao mesmo tempo, pretendían facilitar a participación na feira e a comprensión e valoración persoal de outros proxectos.
Centros educativos participantes son:
- CEIP San Benito de Lérez
- CEIP Parada- Campañó
- CEIP Pontesampaio
- CEIP San Martiño
- CEIP A Xunqueira II
- CEP Marcos da Portela
- CEIP A Xunqueira I
- CEIP Froebel
Ciencia no cole e ciencia en familia
Estas accións consisten na realización de proxectos de investigación destinados á exposición en Pontenciencia: Feira da miniciencia, e ó concurso Pontenciencia.
Unha vez recibida a formación en método de investigación, os escolares recibiron as temáticas de investigación propostas polos comités científicos, así como as bases de participación.
A modalidade de “Ciencia no cole” está destinada a escolares de 6º de primaria coa colaboración do profesorado. A participación en “Ciencia en familia” está destinada a escolares de calquera nivel de educación primaria en colaboración cun membro da súa familia, independentemente de que participe o seu centro escolar. Ambas participacións son asesoradas e apoiadas polo comité científico.
Na actualidade están inscritos sete centros educativos e doce familias.
Pontenciencia. Feira da miniciencia. 3 e 4 de xuño de 2016
Dentro da feira desenvólvese o Concurso Pontenciencia, cuxo obxectivo é poñer en valor e dar visibilidade aos proxectos de investigación presentados.
As bases de participación recollen as características que se valoran tales como orixinalidade do proxecto, metodoloxía realizada, presentación de resultados,…
A feira está dividida en dúas sesións:
- Ciencia no cole (venres): Presentación dos proxectos de investigación dos centros de ensino participantes (5º-6º primaria): ata 4 investigacións experimentais ou documentais e as presentan os alumnos/as ante o xurado.
- Ciencia en familia e entrega de premios (sábado): Presentación dos proxectos de investigación das familias participantes (alumno primaria-familiar): ata 2 investigacións experimentais ou documentais e as presentan os alumnos ante o xurado.
- Deliberación do xurado: entre o resumo entregado, a presentación física no stand e a presentación oral do alumno
Actividades complementarias durante as xornadas:
- Cúpula astronómica cun programa de proxección de estrelas e formadores especializados.
- Robotix destinada á iniciación na robótica e na investigación sobre a programación de robots.
- Espectáculo científico
- Exposición fotográfica
- Ciclo de curtos sobre ciencia. Proxectaranse audiovisuais de divulgación científica do equipo Divulgare e da cátedra de Cultura Científica da Universidade do País Vasco.
- Café-almorzo durante a mañá.
As novidades deste ano son:
- Colaboración do CIFP Carlos Oroza cunha actividade de fomento da investigación na cociña.
- Colaboración da Misión Biolóxica de Galicia- CSIC que está a traballar nunha exposición de legumes (ademais de participar nos comités científicos) para conmemorar que o ano 2016 é o ano Internacional das legumes.
Seguimento a través da
páxina web: www.pontenciencia.com
e do facebook https://www.facebook.com/pages/Pontenciencia/597035373695764