Chega San Valentín e volverase a por a énfase no amor “romántico”, nun amor dominante, posesivo, sumiso, complaciente… nun amor que non está baseado na igualdade, nin no respeto e que as mozas e os mozos poden e deben rexeitar nas súas vidas para converterse en persoas libres: para escoller, para compartir, para amar.
Dende a Concellería de Educación e Igualdade faise un chamamento para que o 14 de febreiro os namorados e as namoradas combatan as bases dese amor que non é tal, que é reflexo do machismo e a cultura patriarcal que perdura na sociedade.
Porén a concellería vai un paso máis alá e xa ten todo listo para que o programa nAmorAndo regrese ás aulas dos institutos de Pontevedra. Unha iniciativa que trata de reflexionar sobre o amor e o xeito de relación que se establecen entre as parellas, sobre todo nas etapas xuveniles, naquelas que van marcar o futuro.
O programa desenvolverase durante sete semanas e nel participarán 299 alumnos e alumnas dos IES Sánchez Cantón (cinco grupos), IES A Xunqueira (tres) e IES A Xunqueira II (catro). nAmorAndo comezará con estudantes de 4a de ESO despois da Semana Santa. Tamén traballarase con nenas e nenos de Educación Primaria pero será a partir de setembro, co arranque do curso 2016-17 e prolongarase durante o primeiro trimestre escolar.
Nesta ocasión pecharemos a intervención cunha actividade de Arte Urbán Participativo, no que o alumnado de Secundaria e Primaria unirá a súa creatividade para dar forma a un mural cun deseño colaborativo, que quedará plasmado nun muro da cidade. Así mesmo, recolleremos todo o proceso nun vídeo, para seguir a multiplicar a sensibilización dentro e fora do noso territorio.
Neste senso sinalar o éxito das nosas “Principiñas e princesiños” (do programa do curso pasado en Primaria), que no seu vídeo chegaron a ter 55.742 cargas, dende España a Estados Unidos, Canadá, Rusia, Senegal ou países da Unión Europea.
Por outra banda, e falando do chamado amor romántico, na pasada campaña do 25 de Novembro a mocidade do Consello da Muller Nova, fixo unha enquisa a pe de rúa e dos seus institutos -Luis Seoane, Frei Martín Sarmiento e Sánchez Cantón- para ver a sensibilización dos seus e súas compañeiras e a xente en xeral sobre este tema. E aínda que queda moito por facer, sobre todo nos homes… que foron os que en proporción máis respostas machistas deron (48% feministas- 51% machistas, frente as mulleres 71% respostas feministas frente a 29% machistas), ímonos quedar con mensaxes positivas que serían as que nos gustaría que circularan este 14 de febreiro como:
- Por amor faría calquera cousa: Pois eu só cousas boas e amables
- Es a muller/home da miña vida: Son o home da miña propia vida, non datúa/ Eu xa son a muller da miña vida.
- Por ti morro: Pois tés un problema. Non quero que ninguén morra por min.
- Vouno facer todo contigo: Deixa libre meu espazo, miña autonomía. Hai cousas que podemos facer xuntos e outras que quero facer soa.
- Ámote con loucura: O amor non é loucura, o amor é sensatez e confianza nunha persoa. Ámame ben, con tranquilidade
- Son túa/teu: Es libre, miña sería unha muleta, non outra persoa…. Ninguén é de ninguén.
- Estou dispota a facer todo o que che pete: Chupar nunha farola? Fai o que ti queiras non o que eu queira.
- Es a miña media laranxa: Creo que te confundiche, eu son un limón enteiro. Non son a media laranxa de ninguén nin o necesito ser.
-
Sen ti non son nada. Estás equivocada/o, sempre fuches ti e aínda podes ser máis ti. Conta comigo para iso tamén