O alcalde Lores reafirmou no Cumio do Clima de París que hai que poñer enriba da mesa a vontade política de todos e todas para facer un planeta mellor, cada un coas súas posibilidades e competencias. Foi durante unha intervención ante Google TV, un plató instalado no mesmo corazón do cumio, no Hotel de Ville (Concello) da capital francesa.
Previamente, o presidente da República, Francoise Holland; a alcaldesa, Anne Hidalgo e o comisionado especial da ONU para o cambio climático e as cidades, Michael Bloomberg, abrían o encontro cos desexos e obxectivos de reducir as emisións de gases que tanto dano fan á atmósfera e que poñen en perigo o futuro do Planeta. Facíano diante dos representantes dunhas 360 cidades, que emiten o 70% do carbono relacionado coa enerxía.
O alcalde de Pontevedra dixo a Google TV que esta cita era un momento histórico de especial importancia para o planeta, porque por fin se toma unha conciencia global do enorme problema que xenera o uso indiscriminado da enerxía nas cidades. “Hai moitas medidas que tomar, pero polo momento non se están tomando na inmensa maioría das cidades. É preciso liderar procesos políticos claros cara ao aforro enerxético relacionado coa mobilidade, con decisións significativas sobre o abuso do automóbil”.
Lores sinalou que non só era un problema de aforro enerxético: “As enormes emisións de gases de efecto invernadoiro supoñen unha enorme hipoteca, pero debemos reivindicar tamén que as cidades volvan a ser espazos de convivencia e de alta calidade, que servan para mellorar a calidade de vida dos cidadáns e cidadás”. Ao falar de Pontevedra citou a significativa redución do 66% nas emisións procedentes da mobilidade, pero tamén a elevada porcentaxe de desprazamentos a pé, a redución da contaminación acústica, a mellora ambiental relacionada coa infancia ou os elevadísimos índices de seguridade viaria.
Lores asinou tamén (como o resto dos alcaldes) unha declaración na que se compromete a reducir a emisión de gases efecto invernadoiro locais, se ben é un labor que en Pontevedra leva xa 15 anos realizándose, chegando ao 66% de redución dos gases relacionados coa mobilidade das persoas e cumprindo os parámetros de calidade do aire recomendados pola OMS.
A nosa cidade únese a case 400 outros gobernos locais (360 a partir do 23 de novembro de 2015, cando esa análise foi realizada) de todos os continentes e rexións de todo o mundo, que asinaron este compromiso público conxunto. Xuntos representan máis de 340 millóns de persoas ou 8,9% da poboación urbana do mundo.
Este pacto compromete a todas as cidades a medir con rigor os datos máis significativos da calidade do seu aire, de xeito que se poda contrastar a evolución. Pontevedra xa ten deseñado un sistema de sensores que irán proporcionando datos constantemente para envialos á plataforma que controlarás as emisións de todas as cidades vencelladas a esta iniciativa impulsada por Bloomberg e a alcaldía de París. Ademáis das 100 cidades europeas, asinaron 37 africanas, 13 do leste asiático, 62 de América Latina, 132 de América do Norte, 39 de Oceanía e 9 do sudeste asiático.
Texto da Declaración asinada
Hoxe, preto de 400 alcaldes de todo o mundo unímonos como asinantes do Pacto de Alcaldes e annciamos no Cumio do Clima para os líderes locais que, xuntos, habemos reducir as nosas emisións de gases de efecto invernadoiro.
O Pacto de Alcaldes reforza o compromiso da nosa cidade para co seu pobo, os seus negocios e medio ambiente. A través do Compact of Mayors (cumio de alcaldes), comprometémonos a reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro locais, crear obxectivos climáticos ambiciosos, seguir o progreso e mellorar a capacidade climática. Con consistentes informes públicos, de datos sobre o clima da nosa cidade, imos demostrar que as nosas accións poden contribuir ao cambio real.
Representando máis de 340 millóns de persoas en todo o mundo e 4,7% da poboación total mundial, como membro do Pacto de Alcaldes, estamos amosando que as accións a nivel local poden ter un impacto global. A medida que mellorar a nosa cidade, estaremos axudando a mellorar o mundo para a nosa xeración e para as seguintes.
O Cumio do Clima para os líderes locais é a maior convocatoria mundial de alcaldes, gobernadores e líderes locais centrado no cambio climático. Este evento histórico coincide coa 21ª Conferencia das Partes (COP21), en París, axudando a garantir que as voces de líderes locais son escoitadas, e os esforzos de cidades como Pontevedra son recoñecidos, durante o proceso de negociación internacional, a fin de alcanzar un acordo universal, xuridicamente vinculante que nos permitirá combater eficazmente o cambio climático.