Pontevedra desperta interese turístico e comercial en Hong Kong e China. Delegacións de dúas cidades chinesas , Nantong e Foshan, mantiveron hoxe xuntanzas de contacto co alcalde Miguel Fernández Lores no marco do foro de Mobilidade Intelixente vencellado aos premios da Fundación Prospective e Innovación.
A estes encontros sumouse na mañá de hoxe unha terceira xuntanza co administrador da empresa pontevedresa Mar Ceibe, Guillermo Montero, chegado a Hong Kong hai un día para facer un evento de degustación de mariscos co fin de ampliar o seu negocio de exportación, co que levan dous anos e que está centrado a día de hoxe na ostra. Traen arredor dunha tonelada de ostra fresca á semana e tratan agora de introducir a vieira, a zamburiña e o mexillón, e tamén de abrir a porta á conserva.

O alcalde chinés amosouse interesado no urbanismo local e en achegarse a Pontevedra.
Tamén a deputada ao fronte da delegación de Foshan, Zhou Xia, amosou grande interese en Pontevedra na que viu un potencial destino turístico de calidade sobre todo despois de visionar todos xuntos o vídeo de Pontevedra presentado polo Concello na Asia World Expo. A súa é unha das cinco cidades co nivel de vida máis alto de China e os seus cidadáns procuran realidades distintas e de calidade nas súas viaxes.
Encontro con máis de 200 empresarios e inversores
A vertente empresarial da xornada continuou pola tarde con un evento con cea incluída da Asia Spain AssociationCultural Exchange de Hong Kong, que reuniu a máis de 200 persoas do mundo dos negocios e inversores hongkoneses e chinos interesados en abrir canles de comunicación e promover relacións comerciais, turísticas e intercambios culturais con Galiza e o Estado español. Ao encontro asistiron tamén os cónsules de Irlanda, Illas Fiji e Corea do Sur.

O alcalde dirixiuse aos asistentes para expresarlles o agradecemento pola acollida e manifestarlles o súa sorpresa polo gran interese dos empresarios chineses en establecer relacións comercias e turísticas, e tamén por adquirir propiedades en Galiza.
Aproveitou a intervención para presentar a nosa cidade e convidar aos membros da Asía Spin Asociación a organizar con tempo unha misión comercial a Pontevedra, na que el estaría encantado de facer de anfitrión. Os asistentes acolleron a invitación con aplausos e unha declaración de intencións de aceptala.
Miguel Fernández Lores pechou coa cena empresarial a súa axenda oficial en Hong Kong, a onde acudiu a recoller un novo recoñecemento internacional para Pontevedra, o EU China Smart Mobility City Award á Mobilidade Intelixente.